Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os EUA evacúan o seu persoal do Sudán e pechan a embaixada de xeito temporal

Os EUA evacúan o seu persoal do Sudán e pechan a embaixada de xeito temporal

Na operación participaron Etiopía, Djibuti e Arabia Saudita

G24.gal 23/04/2023 08:32 Última actualización 23/04/2023 09:04

Os Estados Unidos evacuaron o seu persoal gobernamental de Khartum e suspenderon de xeito temporal as operacións da embaixada no Sudán.

Nun comunicado difundido pola Casa Branca, o presidente Joe Biden sinala que a participación de Etiopía, Djbuti e Arabia Saudita foi "decisiva" no éxito da intervención.

A saída estivo encabezada polo Comando dos EUA para África en estreita colaboración co Departamento de Estado.

As Forzas sudanesas de Apoio Rápido (FAR), segundo deixa claro Washington, non estiveron implicadas na operación.

"Cooperaron na medida en que non dispararon aos nosos membros de servizo no seu transcurso", apuntou nunha chamada con xornalistas o subsecretario de Xestión do Departamento de Estado, John Bass.

O mandatario engade no escrito que o compromiso estadounidense coa poboación e co futuro que quere "non ten fin", malia a suspensión temporal das operacións da embaixada. 

Un cento de membros das forzas estadounidenses lograron evacuar preto de 100 persoas. A administración de Biden subliña a necesidade de poñerlle fin ao conflito.

"Esta tráxica violencia no Sudán xa custou a vida de centos de civís inocentes. É inconcibible e debe parar. As partes belixerantes deben implementar un cesamento do fogo inmediato e incondicional, permitir o acceso humanitario sen trabas e respectar a vontade do pobo de Sudán", afirma.

Máis de 400 vítimas mortais

Os combates iniciados o 15 de abril entre o Exército do Sudán e o grupo paramilitar Forzas de Apoio Rápido (FAR) xurdiron tras semanas de tensión pola reforma dos corpos de seguridade nas negociacións para formar un novo Goberno de transición.

Ambas as dúas deron o golpe de estado conxunto que derrocou o goberno de transición do Sudán en outubro de 2021.

Desde o estalido do conflito, segundo o reconto ofrecido este venres pola Organización Mundial da Saúde (OMS), polo menos 413 persoas morreron e 3.551 resultaron feridas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade