Os expertos descartan "case por completo" que o asteroide impacte coa Terra en 2032
A probabilidade de colisión é actualmente do 0,001 %, segundo o Centro de Coordinación de Obxectos Próximos á Terra da Axencia Espacial Europea (ESA)

Novas observacións efectuadas cun telescopio moi grande do Observatorio Europeo Austral (ESO) e instalacións de todo o mundo, descartaron practicamente un impacto do asteroide 2024 YR4 coa Terra en 2032, sinalou este martes esta axencia con sede en Múnic.
A probabilidade de impacto pasou de ser do 3 % o 18 de febreiro, a máis alta xamais rexistrada para un asteroide de máis de 30 metros, a situarse agora no 0,001 %.
O astrónomo do ESO, Olivier Hainaut, explicou que "a órbita do asteroide é como o feixe de luz dunha lanterna: cada vez máis ancha e máis borrosa na distancia.
Actualmente ese feixe de luz é "máis estreito e estase afastando da Terra", de maneira que a probabilidade de impacto informada polo Centro de Coordinación de Obxectos Próximos á Terra da Axencia Espacial Europea (ESA) é actualmente de arredor do 0,001 %, e o asteroide xa non encabeza a lista de risco.
O 2024 YR4 estímase que ten entre 40 e 90 metros de diámetro. Foi descuberto a finais do decembro pasado nunha órbita que podería provocar a súa colisión coa Terra o 22 de decembro de 2032.