Publicador de contidos
Publicador de contidos

Desconfiar das gangas pola Internet evita posibles estafas

Desconfiar das gangas pola Internet evita posibles estafas

Os delitos informáticos creceron un 51 % en Galicia

O 58,7 % dos galegos compra por Internet

G24.gal 09/12/2021 21:23

Tempo de Nadal, tempo de agasallos e de estar máis alerta ante posibles enganos se adoitamos mercar pola Internet como fai o 58 % de galegos.

En Galicia nos nove primeiros meses do ano coñecéronse máis de 12.000 estafas de tipo informático. Son 1.400 estafas cada mes. O consello básico é non ser impulsivo e desconfiar ao ver produtos moi rebaixados.

"Hai que ter coidado cos correos electrónicos e coas webs pantasma que ás veces ofrecen gangas, ou coas mensaxes que che din que tes un paquete, e picas na ligazón e iso ás veces lévate a descargar malware e a que che rouben os cartos", advirte Rafa Villaverde dende a empresa de ciberseguridade Infonet.

Lembran as autoridades que as páxinas maliciosas adoitan presentar faltas de ortografía. Lembran que a estafa da rúa pasou a Internet. Lembran que hai que estar alerta.

"Unha boa práctica sería ter unha tarxeta só para facer compras por Internet, e é moi importante que esa tarxeta teña dobre autenticación", subliña Villaverde. 

É importante asegurarse da legalidade da empresa que vemos detrás do produto, buscar o número de atención ao cliente, comprobar que o aviso legal contén todos os datos, que teña CIF.

Os maiores de 60 anos son os que máis padecen estas estafas, pero as autoridades subliñan que tamén hai vítimas de 20 anos. Se non se atende ás precaucións, pode picar calquera, a calquera idade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade