Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os expertos piden centrar a vacinación nos máis vulnerables pola coincidencia de covid e gripe

Os expertos piden centrar a vacinación nos máis vulnerables pola coincidencia de covid e gripe

A inmunóloga África González non cre que sexa necesario estender a cuarta dose á toda a poboación

Defende a conveniencia de mellorar a ventilación en interiores antes que recuperar a obrigatoriedade das máscaras

África González, inmunóloga, no plató do Bos Días
G24.gal 29/10/2022 14:01 Última actualización 29/10/2022 14:15

A catedrática de inmunoloxía da Universidade de Vigo, África González, cre que non é necesario estender a cuarta dose aos menores de 60 anos e que a vacinación debe centrarse nas persoas máis vulnerables. 

A Axencia Europea do Medicamento vén advertindo nos últimos días da chegada inminente da oitava onda da covid, provocada por unha subvariante da ómicrom, pero a experta inmunóloga da Universidade de Vigo cre que non hai motivos para alarmarse porque segue sendo ómicrom.

"Entón, o noso sistema inmunitario xa viu o inimigo, xa viu a foto, e tamén nós podemos adaptarnos, podemos cambiar, os nosos anticorpos tamén poden mellorar e aínda que o virus cambiase, tamén podemos seguir recoñecéndoo"

González explica que o preocupante é a coincidencia co virus da gripe, que semella que volve con forza tras dous anos durmido. Por iso, os expertos recomendan a vacinación dobre, contra a gripe e a covid.

 "É moi importante centralo nas persoas máis vulnerables, os maiores, xente inmunodeprimida, que estea tomando tratamentos inmunosupresores, e a mellor arma que temos é a vacina"

Descarta a cuarta dose para a poboación en xeral e, en contra do recomendado pola AEM, tamén para os cativos menores de 5 anos.

"Non estamos nunha situación de emerxencia, eu creo que agora podemos ir individualizando e que poden ser os pediatras os que, vendo e avaliando cada neno, poidan recomendar ou non a vacinación"

Esta médica inmunóloga tampouco cre necesario recuperar a obrigatoriedade das máscaras. Asegura que sería moito máis eficaz mellorar o sistema de ventilación en interiores.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade