Os fisioterapeutas aconsellan que a máis tempo ante o móbil, máis exercicio físico
Os fisioterapeutas aconsellan que a máis tempo ante o móbil, máis exercicio físico
O sendentarismo asociado ao abuso de dispositivos leva os menores ás clínicas
Os fisioterapeutas din que hai quince ou vinte anos a presenza de menores nas súas clínicas era case anecdótica. Actualmente, non.
"Son pacientes que asisten á clínica igual que os maiores de idade por problemas que normalmente asociabamos a xente maior, coma dor cervical, dor lumbar...", puntualiza Miguel Soro, vicepresidente do Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia.
As cinco ou seis horas ao día de media que a rapazada recoñece pasar diante dos seus dispositivos móbiles teñen bastante que ver.
No Colexio de Fisioterapeutas de Galicia explican, porén, que o foco non está tanto na mala postura que poidan coller coma no sedentarismo que esta práctica leva asociado.
"A maior recomendación que lles facemos é que sexan activos, que fagan moito deporte. Logo pódese estar na casa igualmente co ordenador, co móbil ou coa tableta", explica o fisioterapeuta.
Miguel Soro subliña que tamén sería bo reducir o tempo fronte aos dispositivos, que si son causa directa dalgunhas lesións nas mans.
O fisioterapeuta insiste en que canto máis se estea diante do móbil máis tempo hai que dedicar á actividade física e recorda que a Organización Mundial da Saúde aconsella un mínimo de 150 minutos de exercicio moderado á semana.