Os hutís do Iemen prometen unha resposta dura aos ataques norteamericanos
Os hutís do Iemen prometen unha resposta dura aos ataques norteamericanos
O presidente Biden di que bombardearán de novo se os rebeldes atacan máis barcos
Por segundo día consecutivo, os bombardeiros norteamericanos atacaron este sábado obxectivos militares dos rebeldes hutís no Iemen. Entre as instalacións atacadas hai radares e lugares de lanzamento de drons e mísiles.
O presidente norteamericano ameaza con novos bombardeos sobre o Iemen
O presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, asegurou que ordenará novos bombardeos se os rebeldes hutís seguen atacando barcos mercantes que navegan polo Mar Vermello.
Os rebeldes hutís prometen unha resposta dura a estadounidenses e británicos
O xefe dos rebeldes hutís, que controlan máis do trinta por cento do Iemen, esixiulles aos militares norteamericanos e británicos que se vaian do Mar Vermello, xa que eles non atacaron as súas costas. Os rebeldes, que este venres lanzaron numerosos ataques contra os barcos estadounidenses e británicos, prometeron este sábado unha dura resposta a uns ataques que consideran inxustificados.
Os ataques hutís poñen en perigo boa parte do tráfico marítimo mundial
Os hutís, musulmáns xiítas coma os seus aliados de Irán, levan en guerra co goberno do Iemen desde 2014. Pouco despois do comezo da guerra entre Israel e os palestinos de Gaza, os milicianos hutís decidiron atacar os barcos que teñan algunha relación con Israel e que naveguen polo Mar Vermello, por unha zona onde discorre boa parte do tráfico marítimo mundial.
O conflito agrava a situación no Medio Oriente e dificulta a paz no Iemen
O conflito agrava a situación no Medio Oriente, pon en perigo o proceso de paz no Iemen aberto pola ONU e dificulta ou polo menos encarece o tránsito mundial de mercadorías.