Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os hutís prometen vinganza tras os bombardeos dos EUA e do Reino Unido

Os hutís prometen vinganza tras os bombardeos dos EUA e do Reino Unido

5 mortos e 73 obxectivos alcanzados tras a operación aérea

Washington e Londres responden aos ataques hutís dos últimos meses no mar Vermello 

Antón Montero 12/01/2024 18:41 Última actualización 12/01/2024 18:57

Desde portaavións no mar Vermello e desde as súas bases en Qatar, Arabia Saudita e Chipre, os Estados Unidos e o Reino Unido lanzaron unha vaga de bombardeos contra obxectivos militares hutís no Iemen, incluída a capital do país.

Na ofensiva colaboraron outros 8 países aliados. Segundo os propios rebeldes, os mísiles alcanzaron 73 obxectivos, mataron 5 milicianos e feriron outros 6.

É a resposta occidental a unha trintena de ataques lanzados por esta milicia iemení desde o inicio da guerra de Gaza contra mercantes que cruzaban o mar Vermello, lugar de tránsito do 12 % do trafico marítimo mundial.

"Están poñendo en risco o comercio global, desestabilizando a rexión e lanzando os maiores ataques contra buques británicos en décadas", xustificábase o primeiro ministro británico, Rishi Sunak.

Os hutís levantáronse contra o Goberno iemení hai 9 anos: controlan o 30 % do país, incluída a capital, Sanaa, onde este venres milleiros de iemenís protestaron contra os bombardeos. O líder da milicia promete vinganza e seguir atacando barcos con bandeira israelí ou con destino a ese país.

Os hutís son un dos aliados iranianos na rexión. O secretario de Defensa dos Estados Unidos instaba a Teherán a deixar de apoialos. "Non lles interesa ver unha escalada do conflito", advertía Anthony Blinken.

Turquía foi a voz máis crítica cos ataques: o seu presidente, Recep Tayyip Erdogan, acusou a Washington e Londres de querer converter a rexión nun mar de sangue. Tamén Rusia condenou os bombardeos e pediu unha xuntanza urxente do Consello de Seguridade da ONU.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade