Os iPhone incorporan o galego para a lectura de textos
Os iPhone incorporan o galego para a lectura de textos
Apple segue sen tradución ao galego das interfaces dos seus dispositivos
Os usuarios e usuarias de iPhone xa poden escoitar unha voz en galego nos seus dispositivos. Pero, conta, non é a de Siri, a coñecida asistente da marca, senón a de Carmela.
Trátase dunha novidade incorporada na última actualización para mellorar a accesibilidade das persoas que precisan a lectura de textos na pantalla. Non é nin un tradutor nin un asistente co que interactuar. Unha voz que le correctamente en galego textos en galego.
Ademais do galego, o iOS 16 incorpora novas linguas na súa opción de texto lido. Entre elas, catalán con Jordi e Montse, valenciano con Pau e éuscaro con Miren.
Sen tradución ao galego polo momento
A interface dos dispositivos de Apple segue sen dispoñer tradución ao galego, de igual xeito que Siri non fala nin entende correctamente o noso idioma.
Porén, é un avance importante que pode abrir camiño para que a compañía finalmente ofreza o galego como opción en actualizacións vindeiras.
Como o configurar?
É preciso dispoñer da última actualización. Debemos ir á opción de axustes e premer en "accesibilidade". Logo, entrar en "contido lido" e seleccionar a listaxe de "voces", onde podemos escoller o galego ou calquera outra lingua.