Os líderes da UE piden por primeira vez un cesamento do fogo en Gaza
Os líderes da UE piden por primeira vez un cesamento do fogo en Gaza
Os líderes da UE piden a Israel "non levar a cabo unha operación terrestre en Rafah"
"Levou tempo unirse pero esta é unha mensaxe forte", asegura o presidente do Consello Europeo
O Reino Unido e Australia únense ao chamamento da UE e urxen un "cesamento do fogo inmediato" en Gaza
Os Estados Unidos ven posible un acordo
Os líderes da Unión Europea pediron este xoves unha "pausa humanitaria inmediata" na guerra en Gaza "que conduza a un cesamento do fogo sostible, á liberación incondicional de todos os reféns e a provisión de asistencia humanitaria".
Desde que empezou a guerra, é a primeira vez que a UE no seu conxunto pide un cesamento do fogo en Gaza, xa que cando os líderes discutiron por última vez a cuestión, só chegaron a un acordo para pedir "pausas humanitarias".
Ademais, os líderes da UE urxiron este xoves a Israel a "non levar a cabo unha operación terrestre en Rafah", segundo recolle o texto de conclusións do cume que celebraron o xoves en Bruxelas. Logo de cinco meses, a ofensiva israelí deixa máis de 31.000 mortos e unha grava crise humanitaria.
"Levou tempo unirse pero esta é unha mensaxe forte", asegura o presidente do Consello Europeo
Na rolda de prensa trala primeira xornada do cumio, o presidente do Consello Europeo, Charles Michel, valorou a unidade acadada polos 27 para pedir o cesamento do fogo, reinvindicou que a UE vaia da man dos seus aliados internacionais e non caiga en dobres varas de medir. "Cando estamos unidos temos máis influencia e temos máis impacto, levou tempo unirse pero esta é unha mensaxe forte e amosamos que somos un actor crible que pode xogar un papel útil para convencer a Israel a respectar o dereito internacional e permitir o acceso humanitario", manifestou.
O texto de conclusións pide abrir máis pasos terrestres con Gaza e que a axuda marítima e aérea "complemente as rutas terrestres que siguen sendo a principal vía para transportar os volumes necesarios". Neste sentido, considera "esencial" un acceso humanitario "pleno, rápido, seguro e sen atrancos" á Franxa e reitera a necesidade de mellorar a asistencia vital os palestinos.
Os líderes dos 27 expresan o seu apoio á Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina (UNRWA) e insisten no seu papel esencial en Gaza e en todo Oriente Próximo, nun pulo á axencia logo da polémica polas acusacións de Israel sobre a presunta implicación dunha decena dos seus traballadores nos atentados de Hamás do 7 de outubro.
O bloque europeo avala a rapidez da axencia para responder á controversia cunha investigación interna e unha revisión externa tralas graves acusacións. "Espérase con interese os resultados da investigación e as novas medidas decisivas da ONU para garantir a rendición de contas e para reforzar o control e a supervisión", apuntan as conclusións.
Asemade, pon o foco na violencia desatada polos colonos radicais noutas partes de Palestina e piden o "cesamento inmediato" da violencia en Cisxordania e Xerusalén Leste, expresa unha "condena firme" deste tipo de actos de colonos israelís e insiste na necesidade de adoptar as sancións pactadas polos ministros de Exteriores.
Reino Unido e Australia urxen a un "cesamento do fogo inmediato" en Gaza
O Reino Unido e Australia urxiron este venres a un "cesamento do fogo inmediato" en Gaza que permita a entrega de axuda humanitaria e a liberación dos reféns, mentres aumenta a presión internacional nesta dirección.
Así o expresaron os ministros de Exteriores e Defensa de senllos países, David Cameron e Grant Shapps, do Reino Unido, e Penny Wong e Richard Marles, de Australia, nun comunicado conxunto tras un encontro mantido este venres na cidade australiana de Adelaida.
O cesamento do fogo inmediato en Gaza para a entrega de axuda humanitaria e a liberación dos reféns por parte de Hamás é "un paso crucial cara a un cesamento do fogo permanente e sostible", engade o texto, que subliña o compromiso de todas as partes con aumentar o apoio humanitario á Franxa.
Os ministros expresaron á súa vez a súa "profunda preocupación" pola "catastrófica crise humanitaria" en Gaza e condenaron "inequivocamente" os ataques de Hamás contra Israel o 7 de outubro, urxindo a todas as partes a "actuar dacordo co dereito humanitario".
Así mesmo, alertaron contra as "consecuencias potencialmente devastadoras para os civís da expansión da operación militar israelí en Rafah", ao sur da Franxa.
"Sabemos como centos de miles de palestinos están a pasar fame. Súmome aos comentarios de David (Cameron) sobre a importancia de aumentar a axuda humanitaria e a necesidade de que Israel permita a súa entrada, así como a importancia dun cesamento da violencia para que sexa posible", dixo Wong nunha rolda de prensa xunto a Cameron e os ministros de Defensa de ambos os dous países.
Os Estados Unidos ven posible un acordo
Estes movementos chegan despois de que os Estados Unidos (EUA) presentasen perante o Consello de Seguridade da ONU unha resolución para pedir un cesamento do fogo vencellado á liberación de reféns, logo de rexeitar outras resolucións deste tipo en numerosas ocasións.
Pola súa banda, o secretario de Estado dos EUA, Anthony Blinken, afirmou o xoves desde O Cairo que o seu país segue presionando ás partes implicadas para alcanzar un cesamento do fogo en Gaza nas negociacións que seguirán esta semana en Doha, un acordo que "ve posible".