Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta e as farmacias colaboran na dosificación personalizada para maoires

A Xunta e as farmacias colaboran na dosificación personalizada para maoires

Tratan de mellorar a adherencia terapéutica da poboación máis vella

O sistema vai dirixido a maiores de 74 anos polimedicados que viven sós

Farmacéutico atendendo na botica
G24.gal 11/03/2023 15:07 Última actualización 11/03/2023 18:22

As persoas maiores polimedicadas poderán acceder a un novo sistema personalizado de dosificación. Será grazas á colaboración entre o Sergas e os colexios farmacéuticos. Estará orientado aos maiores de 74 anos e priorizaranse factores como vivir só. A consellería de Sanidade subliña que a falta de adherencia terapéutica é un dos retos que ten que abordar o sistema sanitario galego. Entre un 20 % e un 50 % dos pacientes non toma correctamente a medicación.

Nos últimos anos a covid aproximou boa parte da poboación a uns profesionais sanitarios que en moitas ocasións só se vían como dispensadores de medicamentos. O novo papel da atención farmacéutica que demandan os profesionais é ter máis capacidade para axudarlles aos pacientes cando non teñen a medicación rexistrada, cando haxa escaseza dun fármaco ou estea prescrito nun formato non axeitado, como aclaraba Vicente Javier Baixauli Fernández, presidente de SEFAC e Isabel Jurjo, presidenta de SEFAC en Galicia.


Cando os pacientes veñen retirar os medicamentos ás farmacias hai un montón de circunstancias polas que ao final o paciente non pode retiralas e ten que volver ao centro de saúde. Entón, ante esta disfunción da atención imos intentar propoñer solucións para melloralo.


Necesitamos un apoio por parte das administracións para que nos deixen un pouco máis de marxe para poder axudar os pacientes, en colaboración cos médicos. Nós somos loxicamente farmacéuticos, non queremos diagnosticar, queremos axudar os nosos pacientes co tema da medicación.  

Segundo a Organización Mundial da Saúde case a metade dos pacientes crónicos non cumpren axeitadamente os tratamentos prescritos polo médico. Neste ámbito o papel dos farmacéuticos, en contacto directo e habitual cos pacientes, é fundamental para detectar a falta de adherencia terapéutica, sobre todo nos maiores, tal e como anunciaba o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. 


Seguimos traballando con eles de forma intensa. Agora estamos cos sistemas personalizados de doses para que as persoas maiores teñan unha maior adherencia, que é algo que á SEFAC lle preocupa.  

Comesaña sinalou que xa se está traballando para establecer esas vías de comunicación áxiles e bidireccionais entre os farmacéuticos e os profesionais do Sergas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar