Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os medicamentos biolóxicos revolucionan os tratamentos reumáticos

Os medicamentos biolóxicos revolucionan os tratamentos reumáticos

A incorporación destes remedios hai 25 anos mellorou a calidade de vida dos pacientes

Unha de cada catro persoas adultas en España padece algunha enfermidade deste tipo

Un cento de especialistas participan en Ourense no Congreso da Sociedade Galega de reumatoloxía

G24.gal 23/11/2024 14:14 Última actualización 23/11/2024 14:32

Ao redor de once millóns de persoas en España sofren algunha enfermidade reumática, pero a súa calidade de vida mellorou notablemente desde a incorporación dos tratamentos biolóxicos, coincidindo co cambio de século.

"Esas mans articulares que viamos nas consultas están a desaparecer e a expectativa de vida, que antes era máis curta, é practicamente igualada á poboación xeral", asegura Rafael Melero González, reumatólogo e presidente do Comité Científico.

O paraninfo do Instituto Otero Pedraio de Ourense foi a sede deste congreso, no que se deron cita máis dun cento de especialistas, non só reumatólogos, tamén doutras especialidades. O obxectivo é compartiren os últimos avances e investigacións.

"Por exemplo, hai xente que acaba de chegar do Congreso Americano de Reumatoloxía e xa fixeron aquí dúas ou tres comunicacións sobre as últimas novidades que se debateron alí", explica Luís Fernández Domínguez, xefe de reumatoloxía do CHUO.

Tamén se imparte un taller sobre o papel da enfermería, tanto no seguimento personalizado dos tratamentos coma no acompañamento dos pacientes.

"Non só son pastillas, medicamentos, tamén reforzar cuestións adxacentes: boa alimentación, exercicio físico, evitar hábitos tóxicos...", di Francisco Javier de Toro Santos, presidente da Sociedade Galega de Reumatoloxía.

En Galicia, no que vai de ano, houbo máis de 300.000 consultas médicas relacionadas coa artrite reumatoide. A diagnose precoz é un dos obxectivos prioritarios do Sergas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade