Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os nacementos caen un 10 % en Galicia respecto a antes da pandemia

Os nacementos caen un 10 % en Galicia respecto a antes da pandemia

Nos seis primeiros meses do ano naceron en Galicia 6.941 nenos e nenas, fronte aos 7.739 que o fixeron nos mesmos meses de 2019

Iker, o primeiro bebé do ano 2022 nacido en Galicia Iker, o primeiro bebé do ano 2022 nacido en Galicia
G24.gal 17/08/2022 16:34

As crises van e veñen. Superouse a financeira do 2008. A da covid parece que a deixamos atrás. E a actual dos prezos, malo será que non se poida vencer. Antes houbo outras, e no futuro outras virán. Pero a demográfica, esa parece que non ten remedio.

Nos seis primeiros meses do ano naceron en Galicia 6.941 nenos e nenas. Veñen sendo 38 cada día. Son un 2,04 % menos que os que o fixeron nos mesmos meses do ano 2021, cando naceron 7.086.

Botando a vista atrás, en 2020 os nacementos foron 7.583 no primeiro semestre. 

Pero onde se nota a caída máis pronunciada é comparando os datos co ano anterior á covid-19. Daquela, no ano 2019, naceran 7.739. Isto supón que os deste ano 2022 son un 10,31 % menos que os que viñeron ao mundo no primeiro semestre do último ano da década pasada, cando unha pandemia global parecía unha cousa de ciencia ficción.

España segue en mínimos

No conxunto de España producíronse nos seis primeiros meses deste ano 159.705 nacementos, unha cifra en mínimos desde finais da década de 1990 que, con todo, é lixeiramente superior, un 0,13 %, á do primeiro semestre de 2021, cando naceron os nenos concibidos na primeira fase da pandemia.

Segundo os datos publicados este mércores polo Instituto Nacional de Estatística (INE), os 159.705 nenos e nenas nacidos en España entre xaneiro e xuño deste ano son 211 máis que os 159.494 do mesmo período de 2021 (a cifra provisional publicada hai un ano era de 160.681, algo superior á definitiva dada a coñecer hoxe).

En cambio, supoñen 10.590 menos que no primeiro semestre de 2020 e ao redor de 40.000 menos que os rexistrados fai só seis anos, en 2016.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos