Publicador de contidos

Publicador de contidos

Condutas de control en menores, indicios prematuros de violencia machista

Condutas de control en menores, indicios prematuros de violencia machista

Os observatorios poñen o foco no incremento destes comportamentos, coa tecnoloxía como facilitadora do maltrato

Noelia Míguez, vítima: "Quero que a xente vexa o que se vive antes de que unha muller leve unha malleira grande ou apareza morta"

G24.gal 25/11/2022 12:00 Última actualización 25/11/2022 12:43

A tecnoloxía como elemento facilitador do maltrato, do control abusivo, da vixilancia permanente, do abuso sexual, é un dos asuntos que máis preocupa hoxe en día a todos os axentes que promoven unha educación en igualdade. De feito, un de cada tres adolescentes ve aceptable, por exemplo, o control do móbil ou das claves informáticas por parte da parella.

Por iso, tanto as que educan a igualdade como as que sufriron directamente a violencia machista advirten da importancia de recoñecer os indicios, as condutas e os valores onde enraíza o machismo e onde agroman despois os casos máis severos de maltrato.

Un deses casos é o de Noelia Míguez. Recuperada das graves feridas físicas e psicolóxicas que sufriu, a moza de Boqueixón, de 29 anos, quere que a súa experiencia valla para rescatar as mozas que poidan estar pasando por unha situación similar. Por cada unha das oito puñaladas que recibiu, anotou no seu libro un indicio prematuro de violencia.

"Aínda que se me coñeceu polas oito puñaladas que levei, quero que a xente vexa o que se vive antes de que unha muller leve unha malleira grande ou apareza morta", di Noelia.

Noelia fala da necesidade de recoñecer os primeiros sinais de abuso. Iso é precisamente o que pretenden os protocolos contra a violencia de xénero que se aplican nos centros escolares. 

"Non se pode baixar a garda ata que isto non se atalle, porque hai moito patriarcado e moita conduta de imitación", advirte a orientadora e psicóloga Begoña Castro.

Que as xeracións que veñen non reproduzan as condutas machistas que aínda están na sociedade pasa por unha reflexión sobre o papel das redes sociais e das tecnoloxías que facilitan condutas de control abusivo.

Hai moita información porque as redes son inmediatas, pero -avisan os expertos- moitas veces non é axeitada.

"Esa circulación de información non axeitada está prexudicando moito. É unha crise silenciosa e moi endémica", explica Begoña Castro, que participou na elaboración dos protocolos contra a Violencia Machista nos centros de ensino.

Poñer en cuestión os roles de xénero, desterrar os estereotipos, revisar o vocabulario e promover o respecto e as condutas proactivas en contra do machismo. Un traballo minucioso no camiño de evitar que a violencia de xénero amose a súa cara máis extrema.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade