Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os orzamentos de 2024 recollen 686 millóns de euros en beneficios fiscais

Os orzamentos de 2024 recollen 686 millóns de euros en beneficios fiscais

O conselleiro de Facenda asegura que Galicia ten liquidez para afrontar prórroga de orzamentos estatais

A oposición di que os orzamentos mostran un "Goberno esgotado" sen "nada que ofrecer"

O conselleiro de Facenda fai entrega do proxecto de orzamentos ao presidente do Parlamento Miguel Santalices (EFE/Lavandeira jr)
G24.gal 20/10/2023 13:08 Última actualización 20/10/2023 13:26

O proxecto de orzamentos da Xunta para 2024 inclúe uns beneficios fiscais de 636 millóns de euros, que a Facenda autonómica deixará de ingresar polas diferentes rebaixas nos impostos e a conxelación de taxas e prezos, e que supoñen 94 millóns de euros máis que este ano.

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, destacou non só o nivel cuantitativo destas rebaixas, senón o seu aspecto cualitativo, xa que "case un 90 % son de carácter social", asegurou, despois de entregar o proxecto orzamentario ao presidente do Parlamento, Miguel Santalices, para a súa tramitación coa previsión de que entre vigor o 1 de xaneiro de 2024.

As contas públicas para o ano que vén ascenden a 13.257 millóns de euros, un 5 % máis ca no presente exercicio, coa previsión dun crecemento do PIB do 1,9 % e unha taxa de paro do 9,4 %, co que se encadearán "catro anos consecutivos de crecemento e creando emprego", dixo Corgos.

Galicia conta "con capacidade de liquidez" para afrontar prórroga de orzamentos estatais

O conselleiro de Facenda asegurou que Galicia conta "con capacidade de liquidez suficiente" para afrontar unha prórroga dos orzamentos estatais, aínda que poderían provocar un "desfasamento" no financiamento autonómico que recibe do Estado duns 28 millóns de euros mensuais.

Na presentación de proxecto orzamentario no Parlamento, explicou que "non pasará nada" se non hai uns novos orzamentos xerais do Estado, máis aló dun "certo problema de liquidez" polas entregas a conta do sistema de financiamento autonómico, xa que "non se actualizan" e seguirían igual que o ano pasado, mentres que a Xunta si que as actualizou en base a unha estimación.

En todo caso, aínda que podería haber "algún problema de liquidez", admitiu, confía en que "se liquidaría" xa que Galicia "ten capacidade de liquidez suficiente para atender a ese desfasamento os primeiros meses".

Precisamente, Corgos explicou que esta "incerteza" a nivel estatal é o motivo polo que a Xunta decidiu elaborar e aprobar o proxecto orzamentario "en tempo e forma", a pesar de non coñecer as partidas que recibirá do Estado en función do sistema de financiamento autonómico.

"Tiñamos a escusa perfecta para deixarnos levar porque estamos nun contexto de prórroga", apuntou, pero o Goberno galego considerou que nestes momentos de incerteza económica e subida de prezos era necesario afrontar as "adaptacións retributivas" e os "investimentos" necesarios e non se podía "quedar quieto".

Así, puxo en valor que a Xunta non quedara "parada" e realizou a entrega dos orzamentos ao Parlamento o 20 de outubro, como todos os anos, cunhas estimacións "prudentes e realistas" para 2024.

A oposición di que os orzamentos mostran un "Goberno esgotado", sen "nada que ofrecer"

O BNG e o PSdeG coincidiron este venres, ao asegurar que as contas evidencian un "Goberno esgotado" e sen "nada que ofrecer" ás familias e ás empresas.

Así o trasladaron tanto a líder dos nacionalistas galegos, Ana Pontón, como a viceportavoz parlamentaria do PSdeG, Begoña Rodríguez Rumbo, na conferencia de prensa posterior á reunión da Xunta de Portavoces, que aprobou o prazo de presentación de emendas aos orzamentos.

"O primeiro que nos din estes orzamentos, máis aló da propaganda, é que estamos ante un Goberno sen nada que ofrecer ás familias nin empresas, nin realmente axuda a quen máis o necesita nin achega proxectos transformadores que permitan encarar os grandes desafíos do país", dixo a líder do Bloque.

Pola súa banda, a viceportavoz parlamentaria do PSdeG sostivo que se trata dunhas contas que constatan que o proxecto da Xunta encabezado por Alfonso Rueda "está totalmente esgotado". Non son capaces de presentar unhas contas que ofrezan solucións reais aos problemas da cidadanía", sinalou.

En fronte, o portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos, puxo en valor o feito de que Galicia vaia aprobar "en tempo e forma" os seus orzamentos un ano máis, os máis "elevados" da historia e que teñen como prioridades a creación de emprego, o reforzo dos servizos públicos, así como o apoio ás empresas e aos servizos transformadores.   

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade