Os países do G7 reclaman a fin dos enfrontamentos en Sudán e o regreso ao diálogo
Os países do G7 reclaman a fin dos enfrontamentos en Sudán e o regreso ao diálogo
Máis de 180 civís morreron e máis de 1.800 foron feridos durante os tres días de combates en Sudán
Os chanceleres do Xapón, Alemaña, Canadá, Francia, Italia, Reino Unido e Estados Unidos fixeron énfases na protección dos civís
Os ministros de Exteriores do G7 condenaron enerxicamente os enfrontamentos en Sudán e reclamaron un alto ao fogo e o regreso ao diálogo para "restaurar a transición democrática".
"Instamos as partes a que poñan fin ás hostilidades de inmediato e sen condicións previas. Facemos un chamamento para que renuncien á violencia, regresen ás negociacións e tomen medidas activas para reducir as tensións", recolleu a declaración conxunta adoptada ao termo da reunión de Exteriores que o Grupo dos Sete celebrou na cidade xaponesa de Karuizawa.
Os chanceleres do Xapón, Alemaña, Canadá, Francia, Italia, Reino Unido e Estados Unidos fixeron énfases na protección dos civís na zona, incluído o persoal diplomático e humanitario.
Neste sentido, o secretario de Estado dos Estados Unidos Antony Blinken pediu unha tregua de 24 horas que permita aos civís "regresaren coas súas familias de forma segura e obteren as subministracións de emerxencia que necesitan desesperadamente".
"Unha tregua de 24 horas pode sentar as bases para propiciar unha parada máis sostida da contenda e volver ás negociacións sobre as aspiracións democráticas", dixo Blinken.
Diplomáticos dos EUA están a salvo tras seren atacados en Sudán
O secretario dos EUA sinalou que un convoi diplomático estadounidense foi atacado, sen que resultasen feridos os seus integrantes, por parte da milicia paramilitar Forzas de Apoio Rápido (FAR).
Todos os integrantes están "a salvo" tras un incidente "temerario e irresponsable" por tratarse de vehículos con matrículas diplomáticas, dixo Blinken, quen tamén sinalou que as súas milicias dispararon a bandeiras dos Estados Unidos do convoi.
Máis de 180 civís morreron e máis de 1.800 foron feridos durante os tres días de combates en Sudán, segundo datos do enviado especial da ONU no país africano Volker Perthes.