Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os países europeos do sur pídenlle á UE políticas migratorias máis preventivas

Os países europeos do sur pídenlle á UE políticas migratorias máis preventivas

España, Italia, Grecia, Chipre e Malta mandan unha mensaxe de apoio ás Canarias

Amosan o seu compromiso co pacto comunitario sobre migración e asilo

Avogan polo aumento de fondos para loitar contra as mafias en orixe

Os ministros do Interior do MED5. EFE/Ángel Medina G.
G24.gal 20/04/2024 16:29 Última actualización 20/04/2024 21:14

Os ministros do Interior de España, Italia, Grecia, Chipre e Malta, que conforman o grupo denominado MED5, reclámanlle á Unión Europa unha maior cooperación cos países de orixe e tránsito de persoas migrantes. 

No seu sétimo cume dende o 2021, que se celebrou nas Palmas de Gran Canaria, abordaron a aplicación do Pacto sobre Migración e Asilo e a Dimensión exterior da migración e o seu financiamento.

"Enviamos unha mensaxe clara de apoio ás Canarias, ao seu esforzo constante para afrontar o reto migratorio e á solidariedade que demostrou en momentos de gran dificultade", asegurou Fernando Grande-Marlaska nunha conferencia de prensa posterior á xuntanza.

Xunto ao resto de mandatarios do MED5, quixo expresar que "nese compromiso decidido está toda España ao noso lado e tamén o conxunto dos países mediterráneos e toda a Unión Europea".

Segundo lembrou, o grupo naceu para levar a Europa "unha soa voz" sobre a perspectiva da política migratoria de cinco países de primeira entrada con intereses e con preocupacións comúns.

Compromiso co pacto migratorio

Ademais, España, Italia, Grecia, Chipre e Malta puxeron de relevo o seu compromiso co novo pacto sobre migración e asilo, que ten a "responsabilidade" e a "solidariedade" como eixos.

"Os cinco países que formamos parte do MED5 expresamos un compromiso coa aplicación dese pacto, que será sen dúbida transcendental para o futuro de Europa e desde logo tamén para esta terra (...) É un pacto histórico que chega despois de décadas de discrepancias e proporciónanos por primeira vez un marco lexislativo único, común e eficaz, dirixido á xestión dunha migración ordenada e regular. Sempre comprometidos cos valores da Unión Europea, coa lexislación internacional e coa protección dos dereitos humanos e do dereito de asilo".

Ampliar asociacións e acordos

"Desde As Palmas de Gran Canaria chamamos á Comisión Europea a afondar e ampliar as asociacións e acordos con terceiros países", continuou Marlaska.

Subliñou que o camiño xa se iniciou con acordos como o alcanzado con Mauritania ou Tunes, malia considerar que "existe marxe de mellora". Para iso, avogou polo aumento de fondos europeos e de instrumentos de financiamento áxiles.

"Nese esforzo queremos contar coas axencias europeas, en especial con Frontex, que pode contribuír de forma importante á loita en orixe contra as mafias que traballan coas persoas e aprovéitanse da súa vulnerabilidade e da desesperación de miles de persoas", aseverou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade