Os partidos cataláns e Unidas Podemos pídenlle ao Goberno dimisións pola presunta espionaxe
Os partidos cataláns e Unidas Podemos pídenlle ao Goberno dimisións pola presunta espionaxe
Moncloa defende a actuación do CNI e di que está en marcha unha investigación interna e que non teñen nada que ocultar
O Goberno di que non se esconde ante a presunta espionaxe e que ten empatía pola alarma creada, e por iso anunciaron unha investigación interna no CNI.
E agardan que pronto se constitúa a Comisión de Segredos Oficiais no Congreso para poder explicar alí que todos os organismos do Estado actúan conforme á lei.
Respondeu o presidente catalán. Fala de declaracións baleiras e di que o respeto á legalidade se demostra con transparencia. Avisa que só aceptarán explicacións claras e queren dimisións. Insisten en que está en xogo a lexislatura.
Tamén, dentro do Goberno, algúns ministros de Unidas Podemos, como a titular de Dereitos Sociais Ione Belarra, cren que debería haber dimisións. En cambio, a vicepresidenta segunda Yolanda Díaz di que o Goberno está facendo un traballo serio ante un asunto da máxima gravidade.
Esquerra Republicana preguntaralle ao Goberno sobre este asunto esta tarde no Senado e mañá no Congreso.
A espionaxe a independentistas foi con control xudicial, segundo 'El País'
O Centro Nacional de Intelixencia espiou a líderes independentistas de forma "individualizada, non indiscriminada e sempre baixo control xudicial", segundo publica este martes o diario El País que cita fontes próximas ao servizo secreto español.
Estas fontes aseguran que o CNI usou o programa espía Pegasus para vixiar as actividades de líderes independentistas nas súas saídas ao estranxeiro e negan que se picaron teléfonos institucionais.
Sosteñen que moitos dos políticos que figuran na lista que se fixo pública non foron obxecto de investigación por parte do servizo secreto e que o número de afectados polas súas pescudas é "moi inferior" á mencionada.
Si admiten que os líderes de asociacións independentistas catalás foron obxectivo informativo do CNI nos últimos anos, pero non aclaran se o actual presidente da Generalitat, Pere Aragonès, e os seus tres antecesores (Artur Mas, Carles Puigdemont e Quim Torra) figuran entre os espiados.
Segundo a información de 'El País', a lei reguladora do servizo secreto español, de cuxa entrada en vigor cúmprense agora dúas décadas, atribúelle, entre outras misións, a de "previr e evitar calquera ameaza á integridade territorial de España".
As fontes consultadas subliñan en que todas as escoitas foron autorizadas polo maxistrado do Tribunal Supremo responsable de controlar as actividades do CNI ou o seu substituto.