Os Premios Dígocho Eu van para Santiago, Ferrol, Pontevedra, Cangas, A Fonsagrada e As Neves
Os Premios Dígocho Eu van para Santiago, Ferrol, Pontevedra, Cangas, A Fonsagrada e As Neves
Máis de 700 escolares de 200 centros de Galicia e mesmo do Bierzo asistiron á entrega de premios de vídeos en galego do programa 'Dígocho eu' da Galega. Antes de entrar, todos buscaban o mesmo: a foto con Esther e Digochiño, a nova estrela dos escolares, como confirma Esther Estévez, presentadora do programa.
Ademais da nova mascota, este ano tamén houbo máis categorías, máis premios e o certame Unha canción para Esther, para cantar e bailar en galego.
Un éxito da promoción do galego que mostrasn fachendosos a presentadora e o creador do formato, o xornalista Carlos F. Amado.
"Para todo o equipo é un orgullo enorme porque ao final non deixamos de promover o galego, e iso é precioso".
"Rapaces que comezan a falar galego polos contidos do 'Dígocho eu'. Para nós ese é o mellor premio".
O efecto Dígocho eu multiplícase con máis de 120 millóns de reproducións nas redes sociais, sobre todo, na América Latina, O Brasil e Portugal.
A riqueza dos seus vídeos, do máis variado, falan da riqueza da nosa fala como os pronomes da Fonsagrada, a linguaxe específica do fútbol ou os nomes das árbores.
E, cos proxectos, cada participante fai a súa descuberta, como nos confesa un alumno de Baio.
"Como me pasou a min cando cheguei de Sevilla, axúdanos tamén a coñecer, por exemplo, a gheada e todas esas cousas do galego, que en cada zona é distinto".
E o creador da creatura asegura que o 'Dígocho eu' está demostrando que coa lingua galega podemos ir a calquera lugar.