Publicador de contidos
Publicador de contidos

Produtores pesqueiros e cárnicos piden ser incluídos na lista de alimentos básicos

Produtores pesqueiros e cárnicos piden ser incluídos na lista de alimentos básicos

Consideran que tamén son produtos de primeira necesidade

Peixes e carnes teñen actualmente un IVE do 10 %

G24.gal 21/06/2024 13:39

No último ano a cesta da compra encareceu o 4,4 por cento... subiron produtos que son básicos nunha casa. O peixe, tanto fresco como conxelado, un seis por cento. A carne de porco máis do tres e a de vaca o 2,9 por cento. 

Ante estes prezos o sector cárnico e pesqueiro reclaman ser incluídos na listaxe de alimentos básicos. Ven inxusto e pouco xustificable non estar á par de ovos, verduras, froita ou pan xa que todos forman parte da lista de alimentos dunha dieta equilibrada.

A supresión do IVE representa un pequeno alivio para o consumidor. O ano pasado o Goberno baixara a tributación do aceite de oliva do 10 ao 5 por cento. A eliminación do imposto vai representar uns céntimos no prezo final. 

Sectores primarios como o cárnico ou o pesqueiro, con moito peso ademais na economía do país, solicitan recibir o mesmo trato. Ao peixe e á carne estase aplicando un IVE do 10 por cento. Levan tempo reclamando a redución. Considéranse tan fundamentais na dieta saudable como calquera dos outros incluídos na lista de alimentos básicos. 

"É unha cousa que non entendemos porque a carne é un produto moi necesario na nosa dieta e non entendemos o porqué desta discriminación", explica Santiago Rego, presidente da Asociación Gandeiros Galegos da Suprema.

Javier Garat, presidente de Pesca España, di que "están moi decepcionados co Goberno porque unha vez máis esquece os produtos pesqueiros e, ademais, en realidade é algo que tamén afecta claramente os consumidores".

Ambos os dous sectores advirten da progresiva redución do consumo de carnes e peixes en España.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade