Emotiva e serena despedida dos escoceses a Isabel II na comitiva fúnebre
Emotiva e serena despedida dos escoceses a Isabel II na comitiva fúnebre
Milleiros de persoas aplaudiron ao paso do cadaleito nas seis horas de viaxe
O martes, un avión da forza aérea trasladará a Londres os restos mortais da raíña
Os restos mortais da raíña Isabel II chegaron na tarde do domingo a Edimburgo, a capital de Escocia. Centos de persoas levantaban os seus teléfonos móbiles para inmortalizar o momento mentres outros aplaudían.
Unha vez dentro do patio do castelo de Holyroodhouse, o cadaleito foi recibido polo Real Rexemento de Escocia para levalo ata a sala do trono, onde permanecerá toda a noite. Acompañando a monarca falecida estaban tres fillos, a princesa Ana, André e Eduardo.
Finalizaba así unha viaxe en coche de seis horas que comezou pola mañá no castelo de Balmoral, onde a raíña faleceu o xoves aos 96 anos e tras 70 de reinado.
Despedida multitudinaria
Milleiros de persoas, con bandeiras e flores, viron pasar a comitiva fúnebre a través de diversas localidades escocesas. Algúns agardaron pola raíña cos seus cabalos en formación. Outros optaron polos seus tractores.
En Ballater, Elisabeth, que naceu o día da coroación de Isabel II, conta que é un día moi triste pero que está contenta de estar aquí para despedirse.
Pauline cre que foi unha boa raíña, leal, digna e compasiva. Un militar asegura que en Escocia aman a familia real, que sente a perda, pero -engade- a vida segue adiante.
Servizo relixioso
Os restos da monarca serán trasladados este luns pola tarde á catedral de Edimburgo, onde se celebrará un servizo relixioso ao que asistirá o rei Carlos III e a raíña consorte, entre outros membros da familia real.
O martes emprenderán a derradeira viaxe a Londres, nun avión da forza área. E alí na abadía de Westminster, diante do Parlamento, permanecerán ata que se celebre o funeral de Estado, o próximo día 19.