Os restos mortais de Isabel II trasladaranse primeiro a Edimburgo e logo a Londres
Os restos mortais de Isabel II trasladaranse primeiro a Edimburgo e logo a Londres
Os preparativos para levar os restos mortais da raíña Isabel II desde o castelo escocés de Balmoral, onde morreu, á capital escocesa, Edimburgo, e despois a Londres continúan mentres palacios e castelos seguen recibindo flores e tarxetas da xente.
Á espera do funeral de Estado, que terá lugar o luns 19 de setembro ás 10:00 horas (GMT), os británicos terán a oportunidade de dar o último adeus á que foi a súa soberana nos últimos 70 anos na catedral de Saint Giles, no corazón de Edimburgo, ou no palacio de Westminster, a sede do Parlamento en Londres.
Carlos III iniciou este sábado a súa andaina como monarca do Reino Unido e catorce países da Commonwealth tras ser proclamado oficialmente nunha solemne cerimonia en Londres sucesor de Isabel II, falecida o xoves aos 96 anos despois de sete décadas de reinado.
O histórico Consello de Accesión, que só se reúne cando hai un cambio na Coroa, declarou o príncipe Carlos Filipe Arturo Xurxo como o novo rei Carlos III, tras o cal o soberano de 73 anos deu un discurso e xurou protexer a Igrexa de Escocia, pois xa é cabeza da comuñón anglicana.