Publicador de contidos
Publicador de contidos

Economía proteccionista e política isolacionista, as promesas de Trump para o segundo mandato

Economía proteccionista e política isolacionista, as promesas de Trump para o segundo mandato

O candidato republicano evitou durante toda a campaña dar detalles concretos sobre os seus plans 

Trump logra unha vitoria contundente: "Imos axudar o noso país a sandar"

Harris e Biden ofrécenlle a Trump unha "transición de poderes pacífica"

Reuters
G24.gal 06/11/2024 16:48 Última actualización 06/11/2024 21:24

O xa presidente electo dos Estados Unidos Donald Trump prometeu tomar medidas drásticas no seu segundo mandato, entre as que se inclúen a maior deportación de inmigrantes na historia do país, novos aranceis, unha política exterior isolacionista e un maior investimento en combustibles fósiles.

Durante toda a súa campaña, Trump evitou ofrecer detalles concretos sobre os seus plans, aínda que as súas declaracións públicas delinean unha ampla axenda que combina enfoques tradicionais do conservadurismo estadounidense en economía cunha inclinación populista en política exterior. 

"Deportación masiva" de inmigrantes

En inmigración, do seu slogan de 2016 para construír un muro na fronteira con México, Trump pasou a prometer a creación do "maior programa de deportación masiva" na historia do país, outorgando aos reservistas da Garda Nacional, aos shériffs e a policías locais o poder de arrestar inmigrantes indocumentados.

Ademais, busca restrinxir  a migración regular, implementando unha "avaliación ideolóxica" para quen solicite un visado, eliminando o dereito á cidadanía por nacemento e limitando a entrada de migrantes por motivos de saúde pública. Tamén quere vetar o ingreso de cidadáns de certos países de maioría musulmá, como tentou facer no seu primeiro mandato.

Aborto, unha decisión estatal, non federal

Trump presumiu de colocar no Tribunal Supremo durante o seu primeiro mandato os tres xuíces que puxeron fin ás proteccións federais ao aborto en 2022, dando aos Estados vía libre para restrinxir ese procedemento, mesmo en casos de incesto ou violación. Trump sostén que a política sobre o aborto debe decidirse no ámbito estatal e, no último mes de campaña, prometeu que vetaría unha prohibición nacional ao aborto no caso de que fose aprobada polo Congreso.

Política exterior, a máis isolacionista desde a II Guerra Mundial

O presidente electo, resume o seu enfoque de política exterior cunha frase do expresidente Ronald Reagan: "Paz a través da forza". A súa postura é a máis isolacionista en política exterior e proteccionista en termos económicos que tiveron os Estados Unidos desde a Segunda Guerra Mundial.

Asegurou que podería acabar rapidamente coa guerra en Ucraína e a guerra en Gaza, aínda que sen especificar como. Criticou ademais con frecuencia a OTAN e eloxiou líderes autoritarios como Viktor Orbán, de Hungría, ou Vladimir Putin, de Rusia.

Economía proteccionista, con aranceis ás importacións

Trump asegura que salvará empregos nos Estados Unidos impoñendo aranceis de ata o 20 % a todos os produtos importados e do 60 % para aqueles que veñan da China. Medidas coas que busca intensificar a guerra comercial. O seu obxectivo principal é a industria automobilística e ameazou con aranceis de ata o 200 % a todos os automóbiles que cheguen de México para disuadir os fabricantes chineses de instalarse nese país.

O republicano, que nega a existencia do cambio climático, prometeu eliminar os subsidios para a compra de vehículos eléctricos e aumentar a produción de petróleo e gas natural. "Perforar, perforar, perforar!" era un slogan recorrente nos seus mitins. Durante o seu goberno anterior, eliminou numerosas regulacións ambientais e retirou os Estados Unidos do Acordo de París.

Donald Trump planea estender o recorte de impostos ás grandes empresas que implementou durante o seu primeiro mandato e propón reducir a taxa impositiva do 21 % ao 15 % para as compañías que fabriquen todos os seus produtos nos Estados Unidos. Ademais, promete eliminar os impostos sobre horas extra e propinas.

Recoñece só dous xéneros

Trump durante a campaña avogou por limitar a énfase na diversidade e as proteccións legais para a comunidade LGBTQ+. En canto aos dereitos das persoas transxénero, prometeu prohibir a participación de "mozos en deportes de mozas", unha retórica que gañou apoio.

Con todo, as súas propostas van máis aló do simbólico e prometeu que pedirá ao Congreso que se recoñezan só dous xéneros ao nacer, o que supoñería unha vulneración de dereitos para esa comunidade e limitaría o recoñecemento legal de identidades de xénero non binarias. 

Na última fase da súa campaña, Trump reforzou a súa alianza co que fora candidato presidencial independente Robert F. Kennedy Jr., crítico das vacinas, prometendo poñelo á fronte dunha iniciativa para "facer os Estados Unidos saudables de novo".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade