Os temporais arrastran varios cadáveres de golfiños e unha balea ás costas galegas
Os temporais arrastran varios cadáveres de golfiños e unha balea ás costas galegas
O CEMMA atendeu máis de 300 animais varados o ano pasado, só o 17 % vivos
No 30 % dos casos a morte débese a causas accidentais
Tres cetáceos mortos chegaron aos areais galegos nas últimas horas. Na praia da Lanzada apareceron un golfiño e unha candorca, e esta mañá membros da CEMMA rescataron o cadáver doutro golfiño en Muros. Os expertos aseguran que o 30 por cento morren por mor de capturas accidentais ou vítimas de redes pantasma que hai á deriva no mar.
O mar arrastrou durante o ano pasado 316 animais ás costas galegas, 250 deles cetáceos, a cifra máis alta en 30 anos. Deles, so o 17 por cento vararon vivos. Tralos últimos temporais o mar arrastrou varios cadáveres a praias das Rias Baixas. Nesta da Lanzada apareceron unha balea e un golfiño. Outro foi retirado esta mesma mañá por membros da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños na praia de Bornalle en Muros. Se o estado do corpo o permite tiran mostras para analizar as causas da morte entre outros moitos datos.
Uxía Vázquez, oceanógrafa do CEMMA explica que no 30 por cento dos casos a causa da morte é accidental e cómpre coñecer o motivo. Os corpos adoitan achegarlles moita información. Na maioría dos casos é por capturas accidentais ou que quedan atrapados en redes pantasmas que hai a deriva no mar. Desde o CEMMA lembran a importancia de dar aviso ao telefono de emerxencias 112 ou á propia coordinadora cando avistemos algún varamento para activar o protocolo de asistencia.