Os tractores pasan a noite nos arredores da Subdelegación do Goberno en Ourense
Os tractores pasan a noite nos arredores da Subdelegación do Goberno en Ourense
Unha caravana de tractores pasará a noite no centro de Ourense. A policía permitiulles manter a protesta, que non tiña autorización, sempre que recolocasen os vehículos para non dificultar o tránsito na zona. A súa intención é seguiren concentrados ata que os reciban na Subdelegación do Goberno para entregar un escrito coas súas reivindicacións.
"A situación é insostible. As esixencias que nos fan desde Bruxelas, a nova política agraria común, un montón de burocracia que nos complica moitísimo a vida e contra a toma de decisións desde alí que non ten que ver coa realidade do rural aquí en Galicia", explica unha gandeira de Maceda.
"No pastoreo temos que anotar en cada momento onde está o gando, se están na leira da dereita ou da esquerda e para iso temos que dedicarlle tempo. Durante o día, pendentes dos animais e pola noite dos papeis", asegura outro participante na tractorada.
A protesta non está convocada polas organizacións agrarias. Os agricultores e gandeiros que participan din que se trata dunha mobilización espontánea.
"Somos o sector primario, sen políticos, sen sindicatos que nunca nos representaron, só nós, agricultores e gandeiros. Detrás de nós non hai plataforma ningunha. Hai xente que está queimada", aseguran.
Tamén houbo tractorada en Lugo, pero con menor seguimento que a de Ourense. Medio cento de vehículos concentráronse no polígono das Gándaras antes de dirixirse cara á cidade provocando algunhas retencións.