Os tractores volven a Madrid para pedir prezos xustos e a reforma da PAC
Os tractores volven a Madrid para pedir prezos xustos e a reforma da PAC
Din que aumentarán a presión se non hai unha resposta definitiva ás súas demandas
Os tractores foron este domingo protagonistas nas rúas de Madrid para pedir máis respostas e máis medidas concretas do Goberno e da Unión Europea. Neste caso, non estaban convocados polos sindicatos maioritarios do campo, senón por Unión de Unións.
Os vehículos agrícolas partiron de cinco provincias: Toledo, Guadalaxara, Ávila, Burgos e Cuenca. Entraron na capital do Estado por distintas vías e despois dunha parada o seu itinerario incluíu a Castellana, Recoletos e o Paseo do Prado.
Logo, os agricultores foron a pé ata o ministerio de Agricultura para pedir un cambio de rumbo na Política Agraria Común (a PAC) e prezos xustos.
"Hai que facer unha reforma intermedia da PAC. Sabemos que esta campaña non se pode facer, pero si esiximos que haxa un compromiso de que se faga. E estaremos vixiantes dos eurodeputados que metemos nas listas, porque o que temos demostrado é que os eurodeputados que entran nas listas do Parlamento Europeo moitos deles non teñen nin puta idea, perdoen pola expresión, do tema agrario. Confunden medio ambiente con non deixar producir e cremos que é compatible producir produtos agrarios de calidade a prezos accesibles co mantemento do medio ambiente", explicaba Luis Cortés, coordinador de Unión de Unións.
Unión de Unións advertiu de que se non os escoitan volverán a manifestacións de alta voltaxe e tensión como a do pasado 21 de febreiro, con altercados coas forzas de seguridade e mesmo feridos, como o propio Cortés.
Ao termo, os representantes de Unión de Unións en Castela e León (UCCL), Asturias e Castela-A Mancha insistiron en que non baixarán a presión e seguirán nas rúas ata que o Goberno se comprometa a aprobar solucións e negocie con eles.