Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Goberno di que fará todo o posible para que non haxa paro do transporte

O Goberno di que fará todo o posible para que non haxa paro do transporte

Os transportistas denuncian incumprimentos da lei de custos e acusan ao Goberno de pasividade

A ministra admite "desaxustes" pero reivindica as melloras no sector

Antón Montero 07/11/2022 12:32 Última actualización 07/11/2022 20:18

Os transportistas asociados na Plataforma Nacional en Defensa do Sector do Transporte decidiron convocar un novo paro indefinido desde luns ás 00:00 horas para protestar polo incumprimento por parte dos cargadores da lei de custos, que prohibe traballar a perdas.

A Plataforma Nacional en Defensa do Sector do Transporte anunciou este luns nunha conferencia de prensa os resultados das votacións das asembleas provinciais, que, cun 86 % dos votos, acordaron secundar a iniciativa.

A Lei de custos, no foco

Manuel Hernández, voceiro da Plataforma  explica que "sete meses despois volvémonos atopar na situación de que non se respecta o prezo de custo ao transportista e están baixando os prezos do transporte cando os consumidores cada vez pagamos máis por todos os produtos".

A lei de custos entrou en vigor en agosto. Desde a Plataforma acusan varias empresas cargadoras de incumprila e o Goberno de pasividade: "Denunciamos seis grandes operadores de transporte e, despois de mes e medio, non temos noticia de que abrisen ningún tipo de expediente", dixo Hernández.

O sector en Galicia non contempla o paro

O secretario xeral da Federación Galega de Transportes de Mercadorías, Carlos García Cumplido, asegurou a EFE que ningunha das asociacións de transportistas galegos apoia o paro. “Non hai ningunha asociación galega que apoie o paro. Non temos nin idea de que vai esta historia”, concluíu.

Preocupación do Goberno

A ministra de Transportes, Raquel Sánchez, insistiu este luns en que o Goberno fará "todo o posible" para evitar que se produzan os paros no transporte de mercadorías por estrada anunciados este luns para a fin de semana.

Durante a súa intervención nun coloquio organizado polo Club Século XXI, Sánchez asegurou que o seu Ministerio xa está a traballar con Interior para protexer aos transportistas que queiran traballar eses días e evitar escenas de violencia como as ocorridas o pasado marzo.

O Goberno cumpriu os compromisos alcanzados co sector despois dos últimos paros, como a aprobación o pasado verán do Real Decreto para que non traballasen a perdas, pero hai que dar unha marxe para que a norma "despregue os seus efectos", dixo.

E se se incumpre a norma, como denuncia a asociación de transportistas que convocou o paro, a Plataforma Nacional en Defensa do Sector do Transporte, "que o denuncien", dixo Sánchez.

Tamén anunciou que o Goberno solicitará "mañá ou pasado" o terceiro desembolso dos fondos europeos adxudicados a España e descartou que a Comisión Europea sacara as cores ao Goberno.

Ao contrario, dixo, Bruxelas recoñeceu que España é dos países "máis avanzados" no cumprimento das metas establecidas no plan de recuperación e "se non fóra así, non recibiriamos os dous primeiros desembolsos".

"Completaremos todas as transferencias en 2023", dixo Sánchez, que lembrou que "agora entramos na fase de execución dos fondos" e hai que "unir esforzos".

Pola súa banda no PP agardan que desta volta o Goberno ofreza solucións porque do contrario, din, o país volverá sufrir as consecuencias.

A Plataforma está disposta a desconvocar o paro se nesta semana se introducen na lei cambios para garantir que non traballen a perdas. A principal patronal do sector non apoia a protesta.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade