Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os transportistas reclaman un gasóleo bonificado e recuperar o desconto dos 20 céntimos

Os transportistas reclaman un gasóleo bonificado e recuperar o desconto dos 20 céntimos

APETAMCOR calcula que cada vehículo paga 1.500 euros máis ao mes polo gasóleo desde o mes de xuño

Prevén unha suba dos prezos dos portes de entre un 6 % e un 8 %

G24.gal 02/10/2023 10:02

A Asociación Empresarial de Mercadorías por Estrada de Galicia, APETAMCOR, pídelle ao Goberno un gasóleo bonificado, como o que ten o sector da pesca e da agricultura. Ademais reclaman que se recupere o desconto dos 20 céntimos por litro de combustible, ante o encarecemento dos carburantes. 

A secretaria xeral de APETAMCOR, Miriam Otero, alerta de que a situación é moi complicada porque a suba dos combustibles "é altísima". 

Nunha entrevista no Galicia por diante, explicou que, nos últimos catro meses, o custo por camión é "de 1.500 euros máis ao mes", polo encarecemento dos prezos do combustible. Gastos que se incrementarán, explica Otero, porque deben afrontar unha nova rebaixa na bonificación de 20 céntimos por litro de combustible aprobada polo Goberno.

Nos próximos tres meses, o desconto baixa a 5 céntimos e a finais de ano o Executivo estudará se mantén ou elimina esa bonificación para transportistas.  

Otero considera que se debería manter esa bonificación e mantela durante un período de tempo determinado para dar estabilidade ao sector e á clientela. Segundo a secretaria xeral de APETAMCOR, os carburantes representa "o 40 % do total de custes que ten un camión". 

Ante o encarecemento dos carburantes, Otero prevé un incremento dos prezos dos portes de entre un 6 % e un 8 % e explica que será unha suba que abordarán coa revisión trimestral. 

"O gasóleo experimentou unha suba dun 20 por cento desde o mes de xuño ata hoxe. Isto implica que coa normativa de revisión, os prezos do transporte van ter que subir entre un 6 e un 8 por cento", apunta.

O sector anticipa máis inflación se o Executivo elimina a bonificación ós carburantes. 

Desde APETAMCOR destacan que o sector do transporte é esencial e lamentan que o Goberno non atenda as súas demandas. Lembran que, á marxe do encarecemento dos combustibles, precisan de zonas de aparcadoiro vixiadas porque son obxecto de continuos roubos tanto da mercadoría coma dos carburantes. Explicou que a falta de seguridade contribúe a que falten condutores. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade