Os tratamentos nos balnearios contribúen á recuperación da covid
Os tratamentos nos balnearios contribúen á recuperación da covid
Alumnos da Facultade de Medicina de Santiago reciben formación en hidroterapia, que resulta un bo complemento dos tratamentos farmacolóxicos
Quedan xa moi poucos pacientes en Galicia con secuelas da covid. A denominada long covid ou covid persistente foi máis frecuente entre os enfermos agudos da primeira e da segunda onda, cando non chegaran aínda as vacinas e o seu efecto protector.
"Senten fatiga e dores musculares. Moitas veces tamén persiste tose que non acaba de desaparecer ou algúns síntomas como dificultades respiratorias", explica Antonio Freire Magariños, director médico do hotel balneario de Augas Santas, en Pantón.
Os especialistas en hidroloxía médica son os encargados do diagnóstico e a personalización do tratamento, que inclúe a denominada hidrocinesiterapia, que se fai nos balnearios, pautada por médicos e co seguimento dun fisioterapeuta. Son as mobilizacións articulares, dentro de augas mineromedicinais quentes. Outros tratamentos fanse con chorros a presión; ou aerosois e nebulizadores en caso de patoloxía respiratoria crónica..
"Queremos poñer en coñecemento da clase médica as posibilidades que temos de facer terapia nos balnearios, e non só como neste caso para pacientes de covid persistente, senón en moita patoloxía reumática crónica que é moi frecuente en idades avanzadas e tamén en patoloxía respiratoria crónica", explica o doutor Antonio Freire.
A potencia de Galicia nos tratamentos de hidromedicina é, segundo os impulsores desta cátedra, unha oportunidade para complementar a medicina tradicional, e que algúns piden incluír na carteira de servizos do Sistema Nacional de Saúde.