Os veciños que viven preto dos parques eólicos terán descontos do 50 % na luz
Os veciños que viven preto dos parques eólicos terán descontos do 50 % na luz
A comercializadora de enerxía impulsada pola Xunta prevé iniciar a súa actividade en 2025
O obxectivo é que Galicia poida “avanzar en autonomía enerxética e que consigamos abaratar a enerxía dos fogares galegos, pero tamén das industrias e das empresas”
A comercializadora de enerxía impulsada pola Xunta prevé iniciar a súa actividade en 2025 con descontos do 50 % na factura da luz para os veciños afectados por parques eólicos.
Así o detallou este mércores a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, que compareceu ante a prensa xunto o conselleiro delegado de Recursos de Galicia, Emilio Bruquetas.
Lorenzana explicou que a Xunta xa está a negociar con operadores do sector para a incorporación á compañía de volumes de enerxía que permitan iniciar as operacións en 2025.
O obxectivo é que Galicia poida “avanzar en autonomía enerxética e consigamos abaratar a enerxía dos fogares galegos, pero tamén das industrias e das empresas”, xa que a estes beneficios poden acceder tamén autónomos e pequenas e medianas empresas, a diferenza doutras iniciativas similares que se limitan á prestación de servizos a grandes industrias.
O desconto que se vai facer, sinalou a conselleira, “é dun 50 % sobre o prezo de mercado da electricidade”.
A empresa nace como unha Sociedade Anónima, cun capital social de 60.000 euros, e os trámites para a creación da futura comercializadora de RDG durarán catro meses, aproximadamente.
Recursos de Galicia (RDG) conta cun 30 % de participación da Xunta e o restante está integrado por empresas como Abanca, Megasa, Finsa, Copasa e Grupo Nogar, entre outras.
"Enerxía cen por cento galega e cen por cento renovable”
RDG venderá “enerxía cen por cento galega e cen por cento renovable” a un prezo competitivo para fortalecer a economía de Galicia respecto a outros territorios xa que a comercializadora vai vender a totalidade da enerxía aos consumidores galegos, priorizando os que estean nun “radio próximo a un parque eólico”.
No caso da prestación de servizos aos consumidores particulares, RDG actuará como unha comercializadora ao uso e chamará os seus potenciais clientes ofrecéndolles un prezo competitivo baixo. A idea é que “a xente que ten que convivir con eses parques” poda aproveitase dun “prezo da luz que sexa máis barato”.
Para conseguir beneficiar ás empresas, a conselleira admitiu que a RDG terá que “compaxinar proxectos de máis rendibilidade con eses que teñan menos, para que ese diñeiro xere” a posibilidade de ofrecer descontos aos consumidores galegos.
“Aínda que a empresa ten que ser rendible, nós non estamos aquí para sacar beneficios”, esgrimiu a conselleira, que cre que haberá un “amplo abanico de opcións” para ofrecer estes descontos.
A intención da Xunta é "ter produción propia xa en 2025”, aínda que no “curto prazo” haberá que “abastecerse de paquetes de enerxía” que xa están a disposición no territorio ou proxectados para instalarse proximamente.
Lorenzana explicou que RDG, grazas aos seus socios, ten “recursos suficientes” para adquirir a enerxía dispoñible actualmente, aínda que urxe que avance a instalación de máis parques de enerxías renovables.
Sinalou que xa hai negociacións con produtores de enerxía, pero dixeron que aínda non poden “desvelar” estas operacións. Para iso, insistiu, “é fundamental o desbloqueo dos parques eólicos” que actualmente están paralizados en Galicia, así como o avance dos proxectos off-shore e que son imprescindibles para chegar a máis consumidores.