Estes son os xogos máis cobizados polos nenos para este Nadal
A boneca da cantante Aitana xa é dificil de atopar nas tendas
A OCU insiste na importancia de mirar pola seguridade dos xoguetes
Papá Noel e os Reis comezan a ter serios problemas para atopar algúns dos xoguetes máis cobizados polos nenos. Este ano o máis buscada é, sen dúbida, a boneca da cantante Aitana, seguida dos xoguetes dos personaxes dos debuxos favoritos dos máis cativos.
Como conta Sonia Ferradás, encargada dunha xoguetería en Vigo di que "o máis buscado, e imposible, é a Nancy Aitana, e logo o de sempre, Legos, Playmobil, Furbys... O Tamagochi está moi de moda outra vez, volven as cousas antigas".
Mascotas virtuais que hai que coidar, alimentar e acariciar. Os máis pequenos piden xogos relacionados cos personaxes dos seus debuxos animados, monecas ou fornos máxicos que mesmo cociñan peluches.
Moitos comezan unha peregrinación na procura de agasallos. "Estamos buscando para o meu neto unha familia de polbos de Playmobil, pero non a atopamos"; "O neno tira máis para Spiderman, gústanlle moito tamén os quebracabezas e as cousas de Minecraft, e á nena tíranlle máis as bonecas"; "Non sabemos que mercar, hai tanta variedade, estabamos buscando algo de Bluey ou algo así", comentan algúns avós e pais.
O que hai que mirar é pola seguridade. O 20 % das alertas por produtos inseguros son por mor dos xoguetes. Dende a OCU recomendan mercalos en tendas de confianza que cumpran coa normativa europea. Tamén que estean adaptados á idade do neno, e evitar que os máis pequenos xoguen coas cousas dos maiores.
Enrique García, dende a Organización de Consumidores e Usuarios, insiste en que "un aspecto a mellorar é a ciberseguridade, cada vez os xoguetes electrónicos teñen máis presenza entre os nenos e temos que preocuparnos do acceso aos datos, respecto á protección de datos e controis parentais neses xogos".
No que todos coinciden é que nestas festas privarémonos dalgunhas cousas, pero non dos xoguetes.