Outra vítima do Chicle: "Díxome que lle dese o móbil; tiña un coitelo"
Outra vítima do Chicle: "Díxome que lle dese o móbil; tiña un coitelo"
José Enrique Abuín secuestrara e intentara agredir sexualmente a muller, uns feitos polos que foi condenado
A acusación particular tenta establecer paralelismos entre ese caso e a suposta violación á súa cuñada, pola que está sendo xulgado
Unha muller que foi vítima dun secuestro e un intento de agresión sexual por parte de José Enrique Abuín Gey, alias 'O Chicle', asegurou este mércores que lle pediu "que lle dese o móbil" mentres "tiña un coitelo na man", uns feitos que coinciden co que denuncia a súa cuñada.
A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña acolle a segunda sesión do proceso contra Abuín Gey -culpable do asasinato de Diana Quer- por unha suposta agresión sexual o 17 de xaneiro de 2005, unha cuestión que el negou, mentres que a vítima, a súa cuñada, mantivo a súa versión.
Nesta sesión declarou unha muller que foi vítima do acusado en Boiro, onde a secuestrou para tentar agredila sexualmente, uns feitos polos que foi condenado.
A acusación particular tenta establecer paralelismos entre aqueles feitos e os que son obxecto do actual xuízo, no que a denunciante asegurou onte que os feitos ocorreron no coche del, tras quitarlle o teléfono móbil e "cun coitelo na man".
"Atopeime con el, agarroume polo pescozo e díxome que lle dese o móbil", manifestou a vítima de Boiro, que acudiu como testemuña.
Engadiu que o procesado "tiña un coitelo na man" e, á pregunta de se "tentou metela no coche", respondeu: "Si, e conseguiuno", concluíu.
Declarou tamén o garda civil que realizou a inspección técnica onde, presuntamente, aconteceron os feitos polos que o acusa a súa excuñada. Explicou que era unha zona rural illada.
Outro dos axentes, un dos que interveu na detención de José Enrique Abuín, manifestou que o prenderan cando saía do traballo e que estaba normal.
Un coñecido do acusado relatou que tras saber da detención, foi canda o pai de José Enrique Abuín, de xeito voluntario, para contarlle que aquel día o vira pasar a moita velocidade pasadas as nove da mañá que sería cando, segundo declarou a vítima onte, a levaba ao instituto, presuntamente, despois de agredila sexualmente.
A sesión contou tamén coa presenza de Juan Carlos Quer. Está previsto que o xuízo quede visto para sentenza este xoves.
A Fiscalía e a acusación particular piden que o procesado sexa condenado a quince anos de prisión por un suposto delito de agresión sexual.