Pablo Casado seguirá no cargo ata o congreso extraordinario de abril
Pablo Casado seguirá no cargo ata o congreso extraordinario de abril
Celebrarase os días 2 e 3, e o aínda presidente do PP non se presentará
Tanto os baróns territoriais coma o propio Casado pedíronlle a Alberto Núñez Feijóo que dea un paso á fronte
O presidente do PPdeG e da Xunta di que non se pronunciará ata que se convoque o congreso
Pablo Casado vaise manter como presidente do PP ata o congreso que se celebrará os vindeiros 2 e 3 de abril, en que non se presentará. Dirixentes territoriais da formación aseguran que todos, tamén Casado, chamaron a Alberto Núñez Feijóo a dar o paso: el agradecéullelo pero dixo que aínda non toca.
Comunicado tras a reunión de case cinco horas
Tras a xuntanza que mantiveron o presidente e os baróns territoriais, que rematou entrada a madrugada, o Partido Popular emitía un comunicado que empeza dicindo que Pablo Casado trasladou no encontro "a súa decisión de non concorrer" ao vindeiro congreso nacional. Logo explica que se tomaron varias decisións por unanimidade.
Afirma que "se lle solicitou" a Pablo Casado "que continúe no cargo ata o congreso extraordinario e urxente" que apostan por celebrar os días 2 e 3 de abril: así llo van propoñer á Xunta Directiva Nacional do próximo martes, que será a que o convoque formalmente.
A nota engade que, á proposta do presidente da formación e nunha decisión tamén "unánime", se nomeará coordinadora xeral ata ese congreso a voceira do grupo parlamentario na Cámara Baixa Cuca Gamarra. Tamén informa de que se proporá a Esteban González Pons como presidente do comité organizador do congreso.
Alberto Núñez Feijóo evita pronunciarse
Á saída da reunión na sede da rúa Génova, dirixentes territoriais, coma o andaluz Juan Manuel Moreno ou o vasco Carlos Iturgáiz, repetían que todos lle pediron ao presidente do PPdeG e da Xunta que presente a súa candidatura para liderar a formación. Tanto eles coma fontes da dirección nacional aseguraron que tamén llo pediu Pablo Casado.
Alberto Núñez Feijóo eludiu confirmar se dará o paso explicando que non faría declaracións "sobre ocupar unha vacante que non está nin sobre a presentación a un congreso que non está convocado".
O que ten que decidir se se presenta ou non son eu (...). Veño dun congreso democrático e quero estar nun partido democrático que faga congresos democráticos.
Todos os baróns territoriais que fixeron declaracións ante os medios se amosaron satisfeitos co resultado da xuntanza. Núñez Feijóo dixo que saen dela cun partido "normalizado" ata o congreso extraordinario e asegurou que o PP "segue garantindo a alternancia política en España". Non asistiu a presidenta madrileña Isabel Díaz Ayuso porque non preside o partido na comunidade.
Pablo Casado non compareceu ante a prensa.