Publicador de contidos
Publicador de contidos

Pacientes de cancro de mama do hospital La Princesa de Madrid fan o Camiño de Santiago

Pacientes de cancro de mama do hospital La Princesa de Madrid fan o Camiño de Santiago

O venres chegan a Compostela e cada día fan unha media de 25 km

Van acompañadas por persoal médico para resolver calquera incidente que poida haber no camiño

G24.gal 22/05/2024 16:03

Un grupo de 19 mulleres afectadas por cancro de mama e pacientes do Hospital Universitario de La Princesa de Madrid percorren estes días o Camiño de Santiago na quinta edición do proxecto El Camino de tu vida.

Con elas, a oncóloga coordinadora do proxecto e 19 mochilas cargadas de esforzo e superación. Anabel Ballesteros di: "As mulleres que tiveron cancro de mama e fan exercicio teñen mellor supervivencia e mellor tolerancia aos tratamentos, e, desde o punto de vista psicolóxico, facer este reto, que é un reto físico importante logo dos tratamentos, acompañadas por persoas que pasaron polo mesmo proceso xa vimos en anteriores edicións que é moi positivo para a recuperación".

Todas finalizaron os seus tratamentos ou están en fase de finalización. Van acompañadas por persoal médico por se houber algún incidente. Antía Iglesias é galega e está facendo a residencia neste hospital. Para ela, acompañar as pacientes é toda unha experiencia. Di: "Dáche tempo a falar como foi a súa experiencia, como se sentiron e que cousas cren que nós podemos mellorar. Sérvenos a nós para saber que podemos facer mellor ou como podemos apoialas mellor".

Diferentes pacientes din: "Despois de pasar o que pasaron, a experiencia do Camiño o que fai é reconciliarte e ver que volves ser a mesma persoa de antes e que podes facer as mesmas cousas que antes". Tamén, que despois do proceso agora poden facer outras cousas tanto no plano físico como psicolóxico. Engaden ademais: "Non só as une o cancro, senón que teñen moitas cousas en común que as enriquecen unhas ás outras, que é unha experiencia marabillosa".

Saíron de Sarria e o venres chegarán a Compostela. Fan unha media diaria de aproximadamente 25 km.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade