Publicador de contidos
Publicador de contidos

Pacto de rendas implícito pero só nalgunhas, por Maite Cancelo

OPINIÓN

Pacto de rendas implícito pero só nalgunhas, por Maite Cancelo

G24.gal 11/10/2022 07:59

Os salarios pactados por convenio colectivo, segundo os últimos datos publicados polo Ministerio de Traballo, seguen conténdose no seu crecemento, un 2,6 % en setembro fronte ao aumento do 9 % da inflación nese mes. Así, atopámonos cun “Pacto de rendas implícito” (como o denominou recentemente o Gobernador do Banco de España) no que se establece unha moderación de crecemento salarial acordada á marxe do posible pacto de rendas, no que aínda non se chegou a un acordo entre sindicatos e patronal. Nesta subida acordada, ambas as partes ceden, e os traballadores asumen que os seus salarios aumenten menos que o IPC e os empresarios aceptan ese incremento de custos á conta de perder beneficios empresariais.

Trátase dunha cesión que consiste nunha moderación no crecemento das rendas, tanto as de natureza salarial como a dos beneficios empresariais, co obxectivo de non xerar unha espiral inflacionista (máis subida de prezos, ou inflación de segunda rolda) que agravaría a situación da que se está tentando saír e así conter a inflación provocada sobre todo polos aumentos dos prezos da enerxía e os alimentos.

Aínda que é certo que este incremento está a ser superior, nos convenios de empresa (2,9 %), tampouco se está equiparando ao crecemento dos prezos, e, ademais, hai traballadores que se atopan cunha revisión salarial cun incremento de só o 1,5 %. En calquera caso, sen chegar a un novo acordo para o emprego e a renovación colectiva, a negociación segue funcionando, e estase asumindo una certa perda do poder adquisitivo tanto dos traballadores como dos empresarios.

Pero, á vez que no sector privado empresas e traballadores están a conter os aumentos de rendas para reducir a presión inflacionista, atopámonos con que os soldos dos empregados públicos subirán un 3,5 % e, o que é aínda máis importante, hai o acordo de subir as pensións nun 8,5 %, de forma totalmente indiscriminada, sen diferenciar por importes de ingresos. E abriuse as portas para subir, novamente, as pensións mínimas, as non contributivas e o Ingreso Mínimo Vital.

O aumento das pensións realizarase, en parte, coa subida das bases máximas de cotización, estimada nun 8,6 %, e que maioritariamente pagan os empregadores (o 83 % no caso do tipo de cotización por continxencias comúns no réxime xeral), co que nos atopamos cun novo aumento dos custos de produción, que recaen sobre empresarios e que, desde logo, non axudan nada a frear a inflación no país.

Con estas medidas, a brecha entre as subidas de rendas entre traballadores e pensionistas (en maior ou menor medida) está a incrementarse nun contexto en que a maioría dos economistas pensamos que a perda, temporal, de poder adquisitivo é necesaria para afrontar os riscos dunha elevada inflación, e iso sen ter en conta un posible estancamento, polo que esta non parece a decisión máis adecuada desde o punto de vista económico nin a máis equitativa desde o punto de vista social.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade