Palmas a partir de seis euros para o Domingo de Ramos
Dous días antes do domingo, os fregueses apuran a mercar os seus ramos para a festividade coa que arrinca a Semana Santa
Loureiro, oliveira e palma son as tres opcións entre a elixir en florerías e postos instalados na rúa para a ocasión
Na praza de abastos de Ourense xa despacharon a metade da subministración de palmas para o Domingo de Ramos. Antigamente elaborábanas eles mesmos, pero agora impórtanas de Elxe.
"Os prezos son de 6 euros, 7, 9, 10..., dependendo do tamaño da palma. Coma todos os anos. Subiu un pouquiño, pero pouca cousa", explica Juan Bautista Atrio Albitos, florista.
Hai palmas de lapela, un produto de recente incorporación aquí, e de man, para cativos de distintas idades, incluso bebés. "Esta é para o meu neto maior e esta, para a pequeniña, que ten catorce meses", comenta unha avoa.
Tamén hai algún adulto que leva palma, máis concretamente os palmóns lisos, a folla sen decorar, coma o párroco do Sagrado Corazón de Ourense, que merca para a procesión: "Cando fala no Evanxeo da primeira Semana Santa, do primeiro Domingo de Ramos, di que alfombraron o paso con palmas, e con ramas de oliveira, pero a palma destaca un pouco máis, por iso adoitamos coller palmas", explica.
O loureiro e a oliveira non se venden na praza, hai que buscalos pola rúa, normalmente o mesmo día ou na véspera. "Mañá isto está cheo de xente vendendo oliveira que recolleron no monte e pídenche a vontade, o que lles deas", comenta unha veciña do barrio ourensán do Couto.
Ata o domingo as palmas deben gardarse nun sitio fresco, sen desempaquetar, para que se conserven en bo estado para a procesión.