Paquistán arresta o líder dun grupo insurxente nun operativo antiterrorista
Paquistán arresta o líder dun grupo insurxente nun operativo antiterrorista
Atribúenlle máis dunha ducia de atentados, causando máis dun cento de vítimas
É o líder Exército Nacionalista Baloch que se formou en xaneiro de 2022, cando se fusionaron dous grupos separatistas
As forzas de seguridade paquistanís arrestaron o líder dun grupo insurxente do sur do país durante un longo operativo que coincide cun forte rebrote da violencia armada no país, informou este venres o Exército.
Gulzar Imam, alias Shambay, foi detido durante unha operación de varios meses acometida pola principal axencia de intelixencia do país, afirmou nun comunicado a oficina de comunicación do Exército paquistaní (ISPR), sen achegar detalles sobre a localización ou o día en que foi capturado.
Segundo o comunicado, Imam era o fundador e o actual líder do proscrito Exército Nacionalista Baloch (BNA), un dos grupos insurxentes que opera no sur de Paquistán e que reivindicou en febreiro un ataque con explosivos contra un tren en marcha que deixou polo menos unha muller morta e outras sete persoas feridas.
Ademais, a oficina do Exército atribúe a este grupo outra ducia de atentados no país, incluídos os ataques a dous campamentos das forzas de seguridade no suroeste de Paquistán en febreiro, que concluíron coa morte de 20 insurxentes e 9 soldados.
O BNA é unha formación insurxente que se formou en xaneiro de 2022, cando se fusionaron dous grupos separatistas da provincia meridional de Baluchistán: o Exército Republicano de Baluchistán e o Exército Unido Baloch.