Publicador de contidos
Publicador de contidos

A folga paraliza tres plantas de montaxe do sector do automóbil nos EUA

A folga paraliza tres plantas de montaxe do sector do automóbil nos EUA

Joe Biden apoia o sindicato convocante e envía a Detroit dous colaboradores para mediar no conflito

Donald Trump ponse do lado das empresas e tenta espertar o medo entre o persoal en folga

G24.gal 16/09/2023 09:06 Última actualización 16/09/2023 12:19

A folga convocada polo sindicato do sector do automóbil norteamericano paralizou tres plantas de montaxe nos Estados Unidos: unha de General Motors en Wentzville (Misuri), outra de Ford en Wayne (Míchigan) e outra de Stellantis en Toledo (Ohio).

O acontecemento converteuse nunha batalla ideolóxica, co presidente demócrata Joe Biden, ao lado dos sindicatos, e o exmandatario republicano Donald Trump, defendendo as empresas.

É a primeira vez na historia que o United Auto Workers (UAW) convoca de xeito simultáneo unha folga que afecta a General Motors (GM), Ford e Stellantis, popularmente coñecidos coma Os tres grandes de Detroit.

A folga comezou pasada a medianoite do xoves ao venres, cando expirou o prazo que o UAW dera para chegar a un acordo. O sindicato esixe aumentos salariais do 40 %, en liña coa suba dos soldos dos conselleiros delegados, mellores condicións para a xubilación e unha redución da xornada laboral, entre outros reclamos.

Das 146.000 persoas afiliadas que ten UAW, só unhas 13.000 están chamadas á folga polo de agora, é dicir, o 8,9 %. Con todo, a idea do sindicato é que as plantas convocadas vaian rotando e, para iso, dispón dun fondo de 825 millóns de dólares co que compensar o persoal que deixe de cobrar o salario.

Biden, co sindicato

Dada a magnitude da folga, Joe Biden compareceu ante as cámaras de televisión na Casa Branca para expresar o seu apoio o persoal en folga.

"As empresas fixeron algunhas ofertas importantes, pero creo que deberían ir máis aló para garantir que as ganancias corporativas récord signifiquen contratos récord para o UAW", afirmou.

Ademais, anunciou o envío de dous membros do seu equipo a Detroit para actuar como intermediarios. 

"Teño a esperanza de que as partes poidan volver á mesa de negociacións para forxar un acordo no que todos gañen", asegurou o mandatario, que sempre se mostrou como un férreo defensor do labor dos sindicatos.

Trump, coas empresas

Pola súa banda, as empresas recibiron o apoio de Trump, que aproveitou a ocasión para tentar sacar rédito político con vistas ás eleccións de 2024, nas que podería volver baterse contra Biden.

Nunha entrevista na NBC, criticou o presidente do UAW, Shawn Fein, e tentou espertar medo entre o persoal en folga.

"Os traballadores van quedar sen traballo porque todos eses autos vanse facer na China", declarou Trump nun avance da entrevista, que será transmitida na súa totalidade o domingo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade