A Xunta pagará este mes a suba adicional do 1,5 % aos empregados públicos
A Xunta pagará este mes a suba adicional do 1,5 % aos empregados públicos
A medida ten efecto retroactivo e súmase á alza do 2 % de todas as administracións que entrou en vigor o 1 de xaneiro
A Xunta pagará xa neste mes de novembro a subida adicional do 1,5 % aos empregados públicos, que establece a normativa estatal, segundo anunciou este martes o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, quen sinalou que se habilitou para este fin un crédito extraordinario de 78,3 millóns de euros.
Corgos compareceu no pleno do Parlamento para presentar o proxecto de lei para habilitar esta suba adicional, que foi aprobado cos votos a favor de PPdeG e PSdeG e a abstención do BNG, e explicou que esta subida se aboará como atrasos desde primeiros de ano, xa que ten carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro de 2022.
O cálculo da contía realizarase para cada tipo de persoal, coa parte proporcional que resulte e en función dos servizos prestados, puntualizou, tras lembrar que a subida total neste ano será de 3,5 % e para o ano que vén será dun 4 %, xa que a que se aproba hoxe é consolidable.
A tramitación por lectura única da lei para permitir o pagamento deste incremento salarial, que foi establecido polo Goberno central, foi apoiada por todos os grupos parlamentarios, ao considerar xustificado o seu carácter de urxencia debido a que debe pagarse antes de final de ano.