Pecha a capela ardente de Isabel II en Westminster
Pecha a capela ardente de Isabel II en Westminster
Miles de persoas fixeron nos últimos días colas de varias horas para acceder ao recinto onde se instalou o féretro da soberana
As exequias poderán seguirse pola TVG nun programa especial que comeza ás 11:40 horas
A capela ardente de Isabel II concluíu esta mañá no Salón de Westminster, a parte máis antiga do Parlamento británico, antes de que se celebre este luns o funeral de Estado da raíña, falecida o 8 de setembro.
Miles de persoas fixeron nos últimos días colas de varias horas para acceder ao recinto onde se instalou o féretro da soberana, cuberto co estandarte real, a coroa imperial, o orbe —peza que representa o mundo cristián— e o cetro de ouro, símbolo de poder, que estivo custodiado pola garda real.
Durante os días en que permaneceu aberta a capela ardente, os catro fillos de Isabel II o rei Carlos III e os seus tres irmáns Ana, Andrés e Eduardo fixeron unha vixilia o venres pola noite. O sábado fixeron o mesmo os netos da raíña, os príncipes Guillerme e Henrique (fillos do rei); Mark Phillips e Zara Tindall, fillos da princesa Ana; as princesas Beatriz e Uxía, fillas do príncipe André, e Louise e James Montbatten-Windsor, fillos do príncipe Eduardo.
O funeral da raíña empezará este luns á 11:00 hora local (10:00 GMT) na Abadía de Westminster, despois de que o cortexo fúnebre faga o curto percorrido desde o Salón de Westminster ata o templo relixioso, no centro de Londres.