Publicador de contidos
Publicador de contidos

Lula presidirá de novo O Brasil tras unha axustada vitoria sobre Bolsonaro

Lula presidirá de novo O Brasil tras unha axustada vitoria sobre Bolsonaro

O candidato de esquerda supera o actual mandatario por 2,1 millóns de votos

O líder do PT, que xa gobernou entre 2003 e 2010, volverá ocupar a presidencia dun Brasil extremadamente dividido a partir do 1 de xaneiro 

Lula promete restablecer a paz: "Non existen dous Brasil" 

Lula da Silva: historia dunha resurrección política

Lula no seu primeiro discurso tras ser proclamado presidente electo
G24.gal 30/10/2022 21:09 Última actualización 31/10/2022 14:04

O exmandatario Luiz Inácio Lula da Silva gañou a segunda volta das eleccións presidenciais no Brasil por unha estreita marxe de 2,1 millóns de votos sobre o actual gobernante, Jair Bolsonaro, segundo os datos oficiais divulgados este luns co 100 % das urnas escrutadas.

O histórico dirixente progresista, que asumirá o poder o 1 de xaneiro de 2023, venceu cun 50,9 % dos sufraxios, mentres que o líder ultradereitista quedou co 49,1 %, segundo o Tribunal Superior Electoral (TSE).

Lula, que xa gobernou o país entre 2003 e 2010, recibiu 60.345.999 votos polos 58.206.354 de Bolsonaro, que perdeu a carreira presidencial con máis sufraxios mesmo que os que obtivo nos comicios de 2018 (57.797.847), que lle levaron ao poder.

A votación estivo máis apertada do que esperaban as sondaxes previas aos comicios, reflexo da alta polarización que vive Brasil e que mesmo derivou en episodios de violencia política durante a campaña.

Como xa pasou na primeira rolda, as principais empresas demoscópicas non conseguiron precisar a forza do líder ultradereitista. Bolsonaro empezou o cálculo por diante, pero co 67,76 % escrutado, o expresidente progresista pasou a liderar, tendencia que se mantivo ata o final, aínda que sempre cunha marxe moi pequena.

Foron os comicios máis axustados da historia dun Brasil extremadamente polarizado. Tamén foi a primeira vez que un presidente perde a disputa pola reelección desde que permitida a reelección dos xefes de Estado, en 1997.

Durante a noite rexistráronse protestas de camioneiros bolsonaristas que non aceptan o resultado Inmediatamente líderes internacionais recoñeceron a vitoria de Lula. 

Bolsonaro, aínda non se pronunciou sobre o resultado das eleccións, cando xa pasaron máis de 12 horas desde que as autoridades electorais declararon a vitoria de Lula de forma matemática. O temor de que non acepte a súa derrota está no aire, mais o titular do Tribunal Superior Electoral do Brasil dixo que falou con el e que non hai risco de que impugne os resultados. 

Lula promete "restablecer a paz" 

O expresidente brasileiro Luiz comprometeuse a "restablecer a paz" nun Brasil dividido, no seu primeiro pronunciamento tras gañar as eleccións  "Estou aquí para gobernar este país nunha situación moi difícil, pero coa axuda do pobo imos atopar unha saída para que o país volva vivir democraticamente", afirmou o líder do Partido dos Traballadores (PT) desde un hotel da cidade de São Paulo. 

 

"A partir de xaneiro de 2023, vou gobernar" para 213 millóns de brasileiros; "non existen dous Brasil, somos un único país, un único pobo, unha gran nación", sinalou o dirixente progresista, en compañía dos seus principais aliados e a súa esposa, a socióloga Rosângela Silva.

Lula, vestido cunha camisa vaqueira, manifestou, nun discurso lido, que "é a hora de reunir as familias e refacer os lazos de amizade rotos pola propagación criminal do odio". "A ninguén lle interesa vivir nun estado permanente de guerra. Este pobo está cansado de ver o outro como inimigo. É hora de baixar as armas", manifestou.

Nas súas primeiras palabras, tamén prometeu "fortalecer" a loita contra a violencia machista e "enfrontar sen tregua o racismo e a discriminación" para que "brancos, negros e indíxenas teñan os mesmos dereitos".

"O desafío é inmenso, é necesario reconstruír este país en todas as súas dimensións. Necesitamos reconstruír a alma deste país, o respecto ás diferenzas e o amor ao próximo", afirmou nun pronunciamento que buscou tender a man a todos nun país extremadamente polarizado.

Lula, de 77 anos, volverá comandar a maior economía de Latinoamérica. A vitoria de Lula era algo impensable hai uns anos polos múltiples procesos de corrupción aos que tivo que facer fronte, pero en 2021 a Corte Suprema anulou as condenas que lle fixeron pasar 580 días en prisión, recuperando así os seus dereitos políticos. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade