Herlings abandona na segunda rolda e Prado consolida o liderado do mundial
Herlings abandona na segunda rolda e Prado consolida o liderado do mundial
Seewer gaña o gran premio de Francia de MXGP por diante de Febvre. Prado logrou o terceiro posto e Fernández concluíu no cuarto
Jorge Prado amplía a 24 puntos a súa vantaxe sobre Herlings á fronte do mundial
A primeira rolda rematou con triunfo de Seewer. Despois dunha boa saída de Prado, o suízo pegouse á súa roda e colocouse na primeira posición aos doce minutos. Logo chegarían Herlings e Febvre, que acabaron impoñendo o seu poderío físico e remataron por diante do piloto galego. Máis regular foi a carreira de Rubén Fernández. Colocouse na quinta posición despois da saída e ese foi o seu posto final.
Na segunda rolda, o protagonismo, negativo neste caso, foi para Jeffrey Herlings. Non saíu ben, e no treito inicial da carreira viu como lle rompía a goma que lle suxeitaba as gafas. Tivo que pasar polo padock para cambialas e pouco despois tivo unha caída que lle impediu continuar na carreira. Un dos seus estribos estaba completamente torto.
Prado e Fernández loitaron polo terceiro posto na rolda, algo que conseguiu asegurar o líder do mundial. Porén, Prado non puido manter o ritmo de Febvre, o gañador da rolda, e de Seewer, que se fixo coa vitoria no gran premio. Prado volveu ao podio co terceiro posto e Rubén Fernández quedou no cuarto. Jorge Prado amplía a súa vantaxe sobre Herlings a 24 puntos.