Pedraz considera agora excesivo o bloqueo de Telegram e retira a orde de suspensión
Pedraz considera agora excesivo o bloqueo de Telegram e retira a orde de suspensión
Di que se trata dunha medida "excesiva e non proporcional" pola posible afectación de múltiples usuarios
O xuíz declarou o venres a suspensión temporal da plataforma, que acordou nun auto do pasado venres
O xuíz da Audiencia Nacional Santiago Pedraz deixou sen efecto definitivamente a orde de bloqueo cautelar da plataforma de mensaxería Telegram ao reconsiderar a súa postura e constatar que se trata dunha medida "excesiva e non proporcional" pola posible afectación de múltiples usuarios.
Nun novo auto, ditado este luns, o maxistrado acorda deixar sen efecto a suspensión temporal dos recursos asociados a Telegram acordada polo maxistrado o pasado venres por mor dunha denuncia de Mediaset, Antena 3 e Movistar Plus+ en que acusaban a aplicación de aloxar sen permiso contido protexido por dereitos de autor
Antes de emitir esta nova resolución, o maxistrado ditou este luns unha providencia na que xa acordaba a suspensión da orde de bloqueo temporal á espera dun informe á Comisaría Xeral de Información da Policía sobre a natureza de Telegram así como a incidencia da devandita medida cautelar os usuarios desta plataforma.
Segundo Pedraz, sen prexuízo de que é sabido que dita plataforma é utilizada tamén para actividades delituosas, “son máis que múltiples usuarios de todo tipo (particulares, empresas, funcionarios, traballadores en xeral…) que optaron por utilizar Telegram, ao brindarlles uns “beneficios” que outras plataformas non dan. E todo iso baixo unha “amparada privacidade”.
A isto súmase, advirte, que tampouco podería ser "idónea por canto os usuarios poderían utilizar unha rede VPN ou un proxy para poder acceder a Telegram e seguir consumindo ou publicando tales contidos, como sinala a Comisaria Xeral de Información".