Pedro Puy e Ana Pastor únense a Besteiro como presidentes dunha comisión no Congreso

O exportavoz do Parlamento Galego presidirá a Comisión de Economía mentres que a expresidenta da Cámara Baixa estará á fronte da Comisión Mixta para a Seguridade Nacional

G24.gal 04/12/2023 17:28

Fontes do PP confirmaron este luns que proporán a Pedro Puy e Ana Pastor como presidentes dunha comisión no Congreso. Puy, deputado pola Coruña, e Pastor, deputada por Pontevedra, únense deste xeito ao candidato socialista á Xunta e deputado por Lugo José Ramón Gómez Besteiro, quen foi nomeado presidente da Comisión de Transportes.

A dirección do PP presentou á expresidenta da Cámara Baixa Ana Pastor como presidenta da Comisión Mixta para a Seguridade Nacional, que terá que ser constituída nas próximas semanas. Por outra banda, o exportavoz do PP no Parlamento galego Pedro Puy estará á fronte da Comisión de Economía no Congreso.

Estes dous non son os únicos deputados do PP que contarán cunha comisión. Alberto Fabra, quen fora presidente da Generalitat valenciana desde 2011 ata 2015 e candidato nas listas das pasadas eleccións do 23 de xullo ao Congreso como deputado por Castelló, presidirá a Comisión de Defensa, que se constitúe este luns xunto coas outras 22 comisións lexislativas, das que os populares presidirán cinco.

Por outra banda, á fronte da Comisión de Ciencia, Innovación e Universidades estará a deputada Sandra Moneo e á fronte da de Políticas Integrais da Discapacidade, Mercedes Fernández, que foi presidenta do PP en Asturias.

Por último, a Comisión de Vivenda e Axenda Urbana estará presidida pola portavoz adxunta do grupo parlamentario do PP Isabel Borrego, exsecretaria de Estado de Turismo e deputada por Murcia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade