Sánchez e Díaz amosan complicidade e fan fronte común contra Abascal
Sánchez e Díaz amosan complicidade e fan fronte común contra Abascal
A líder de Sumar asume o papel máis belixerante contra o candidato de Vox
O PP cree que o debate a tres demostrou que Feijóo é a única alternativa a Sánchez
Foi un debate a tres, pero ás veces semellaba un debate de dous. "Verdade Yolanda?", "Yolanda e eu", "Como di a vicepresidenta...", "Si, Pedro", "Como di Pedro". Expresións coma estas na boca do presidente do Goberno e da líder de Sumar sucedéronse durante toda a noite.
Pedro Sánchez e Yolanda Díaz amosaron complicidade e fixeron fronte común contra Santiago Abascal, pero querendo facer dano tamén no PP de Feijóo, que renunciou a participar.
Foi un cara a cara de baixa intensidade, excepto nos minutos en que se abordaron cuestións relacionadas coa violencia machista ou a inmigración, en que Yolanda Díaz asumiu un papel máis belixerante contra o líder de Vox.
As críticas á ausencia de Feijóo foron reiteradas durante todo o debate, pero foi no bloque de pactos en que Sánchez foi máis duro, ata asegurar que renunciara a confrontar con eles porque se "avergoña de comparecer ao lado de Abascal, pero non de recibir os seus votos".
Abascal ignorou a ausencia do candidato do PP e mesmo lle afeou a Díaz que o atacase cando non estaba presente para poder defenderse.
Sánchez e Díaz reiteraron o seu convencemento de que Feijóo está disposto a meter no Goberno a Abascal, mentres que non ocultaron que os dous seguirán colaborando se os números lles dan para reeditar a coalición.
Tamén houbo tempo para escoitar algunhas propostas, todas elas xa coñecidas, pero sobre todo houbo moitos reproches en materia de política de defensa das mulleres, da lei do só si é si e da inmigración.
Abascal recriminoulles os agresores sexuais que foron excarcerados. Pedro Sánchez reiterou que "ás veces se cometen erros" pero volveu defender que se trata dunha "boa lei que protexa as mulleres"
O único asunto en que Pedro Sánchez e Yolanda Díaz deixaron algún reproche foi sobre a lei de Vivenda, que segundo Díaz chegou "moi tarde" ao tempo que rexeitou a política de deducións fiscais que defenden os socialistas. Tamén lle lembrou que Sumar se opón "a atrasar a idade de xubilación".
Uns e outros non cansaron de alertar sobre o risco de que goberne un ou outro bloque. Tratábase en definitiva de intentar convencer e facer calar esas mensaxes a catro días das eleccións.
O PP asegura non ten ningunha dúbida de que Feijóo acertou ao non acudir á cita e asegura que foi un debate plano.