Publicador de contidos
Publicador de contidos

Pedro Sánchez preside o arranque da nova fábrica dixital de Navantia Ferrol

Pedro Sánchez preside o arranque da nova fábrica dixital de Navantia Ferrol

O presidente do Goberno sinalou que se van construír en Navantia cinco novas fragatas ata o ano 2032, xerando centos de postos de traballo

G24.gal 16/12/2023 10:46 Última actualización 16/12/2023 14:22

Pedro Sánchez está en Galicia para participar na convención dos socialistas galegos, pero antes visitou os asteleiros de Navantia Ferrol. Alí asistiu ao corte de chapa da segunda das fragatas da serie F-110 e tamén ao inicio da nova fábrica dixital de bloques. Este último proxecto, segundo o presidente do Goberno, implicará un investimento global duns 350 millóns de euros.

O corte da chapa da fragata  F112, bautizada co nome Roger de Lauria, a segunda da serie F110, certificaba que se están a cumprir os prazos neste proxecto. Ademais, Pedro Sánchez presidía o inicio da construción da fábrica de bloques de barcos con esta primeira pedra.

Trátase dunha cápsula do tempo, na que se introduciron varios elementos simbólicos referidos á historia da factoría ferrolá. Sánchez referiuse aos investimentos para facer realidade esta nova fábrica dixitalizada, co apoio dos fondos europeos.

O presidente do Goberno sinalaba que se van construír en Navantia cinco novas fragatas ata o ano 2032 e lembraba os datos do seu impacto económico.

Este proxecto leva aparellado un ambicioso programa de formación para o emprego. Como se dixo no acto, Ferrol demostra, unha vez máis, que sabe construír grandes embarcacións.

Rueda, sobre Navantia

O programa das F-110 implica un investimento directo de 4.320 millóns de euros que xerará 9.000 empregos directos e indirectos ata o ano 2031, segundo as previsións de Navantia. O presidente da Xunta lamentou que o Goberno Galego non fose convidado a este acto de Navantia e puxo en dúbida a vontade de cooperación e cogobernación do que falan desde A Moncloa. Rueda asegura que, se este acto fose en Cataluña, o presidente da Generalitat recibiría un trato diferente.

Convención do PSdeG

Tras esta visita a Navantia Pedro Sánchez trasladouse a Santiago onde os socialistas celebran esta fin de semana unha convencion política 'Agora camiña Galicia' para sentar as bases do seu programa electoral para os comicios do vindeiro ano. A presenza de Sánchez estaba comprometida pola súa axenda como presidente rotatorio da Unión Europea, pero finalmente puido estar para a apertura da conferencia na Cidade da Cultura en Santiago.

Para Xosé Ramón Gómez Besteiro, Sánchez demostra o seu compromiso con Galicia. Desde as filas populares cren que Sánchez vén a Galicia en auxilio dun candidato no que confía pouco. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade