Sánchez non asiste ao xulgado para o acto de conciliación coa parella de Ayuso
O acto de conciliación convocado no Xulgado de Primeira Instancia número 98 de Madrid quedou sen efecto ao non acudir ningún representante legal de Pedro Sánchez
A defensa de González Amador confirmou que agora interporá a querela, na que solicita unha indemnización de 100.000 euros
![O presidente do Goberno, Pedro Sánchez (Eduardo Parra/EP)](https://www.g24.gal/prog24/2025/20250212/sanchez.png)
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, non acudiu este mércores ao acto de conciliación no que tiña a opción de retractarse das declaracións nas que chamou "delincuente confeso" a Alberto González Amador, parella da presidenta de Madrid Isabel Díaz Ayuso, e evitar así unha querela por presuntas inxurias e calumnias.
Fontes xurídicas confirmaron que o acto de conciliación convocado no Xulgado de Primeira Instancia número 98 de Madrid quedou sen efecto ao non acudir ningún representante legal de Pedro Sánchez.
Trátase dun trámite, previsto na lei para "alcanzar un acordo co fin de evitar un posterior litixio", que se convoca previamente á interposición dunha querela, neste caso anunciada pola defensa de Gónzález Amador por inxurias e calumnias por unhas declaracións de Pedro Sánchez nas que se referiu ao empresario como "delincuente confeso".
A defensa de González Amador confirmou que agora interpoñerá a querela anunciada, na que solicita tamén unha indemnización de 100.000 euros. Esta medida forma parte da ofensiva xudicial emprendida polos avogados de González Amador contra diversos membros do Goberno e tamén xornalistas por referirse a el como "delincuente confeso" tras facerse público un correo do seu avogado en que recoñecía no seu nome defraudar a Facenda para chegar a un acordo co fiscal.
Algúns dos afectados por esta ofensiva xudicial son os ministros de Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, Félix Bolaños, e para a Transformación Dixital e da Función Pública, Óscar López, quen non se presentaron aos seus respectivos actos de conciliación estes últimos días.