Pedro Sánchez pídelle á cidadanía "que confíe" nos efectos da amnistía
Pedro Sánchez pídelle á cidadanía "que confíe" nos efectos da amnistía
Nunha homenaxe a Zapatero en Bilbao, dixo que a amnistía fará a España "máis forte"
Tamén se comprometeu ao recoñecemento do Estado palestino nesta lexislatura
Dúas décadas desde o acceso ao poder como presidente do Goberno de Rodríguez Zapatero. Os socialistas vascos rendíanlle este sábado tributo en Bilbao e o protagonista, mirando cara ao pasado, salientou o momento estelar do seu mandato.
"Sen dúbida ningunha, foi a fin da violencia terrorista, a fin da ETA e a paz para Euskadi".
Zapatero lembrou as vítimas do 11-M e despois Pedro Sánchez dixo que a dereita de hoxe procede da mentira que se fraguou con aquel atentado. Sobre a amnistía pediu confianza para superar "un trauma" que afectou a toda a sociedade española.
"Que confíen, porque cos indultos e coa lei de amnistía estamos facendo da democracia española unha democracia mais forte e, por tanto, unha España máis forte. Iso é o que lles pido aos españois e ás españolas".
O líder do PSOE fixo dous anuncios. Presentará unha proposición de lei para abolir a prostitución e o outro derívase do conflito de Gaza.
"Proporei nas Cortes xerais o recoñecemento ao Estado palestino por parte de España".
Finalmente, unha pincelada sobre a corrupción. Dixo que o PSOE actúa cortándoa de raíz.