Publicador de contidos
Publicador de contidos

Pedro Sánchez preside en Navantia o corte de chapa da primeira F-110

Pedro Sánchez preside en Navantia o corte de chapa da primeira F-110

O presidente do Goberno ve asegurado o futuro a corto e medio prazo do estaleiro ferrolán

A construción das fragatas para a Armada española suporá dez anos de traballo para unhas 9.000 persoas

O conselleiro de Economía insiste na necesidade dun Pacto de Estado por Ferrol 

G24.gal 06/04/2022 14:59

O xefe do Executivo viaxou a Ferrol coa vicepresidenta segunda e a ministra de Facenda. Tras asistir a unha presentación do traballo de Navantia, reuníronse cos representantes sindicais. Despois Pedro Sánchez, canda o resto de autoridades, accionaron simbolicamente o corte de chapa da primeira fragata F-110 das cinco que vai construír o estaleiro ferrolán para a Armada española.

O contrato, de 4.320 millóns de euros, terá un prazo de execución de 10 anos, e dará traballo a unhas 9.000 persoas.

"O estaleiro de Ferrol ten o seu futuro asegurado no corto e medio prazo a través do programa F-110 que vai impulsar o desenvolvemento do tecido industrial e empresarial da comarca", dixo o presidente do Goberno.

A construción das fragatas devolve a actividade á industria naval da ría tras máis dun ano parada. O vicepresidente económico da Xunta cre que a recuperación debe consolidarse cun Pacto de Estado por Ferrol:

 "Que ese compromiso que hoxe se reforzo co impulso ao sector naval entre o Goberno e a Xunta poida ter continuidade coa sinatura deste Pacto de Estado", pediu Francisco Conde.

O macropedido abre tamén unha etapa de modernización no sector naval. As novas fragatas terán máis capacidade de defensa ante ameazas aéreas, de superficie e submarinas. E incorporan unha réplica virtual que recibe datos en tempo real do buque.

O presidente de Navantia explicou: "Van ser realmente seis, porque van vir acompañadas dese xemelgo dixital que nos vai permitir o mantemento preditivo e operacional da fragata".

O presidente do Comité de Empresa cre que o contrato é un paso para comezar a recuperar a normalidade, pero insta a seguir avanzando. 

 "O que nos interesa agora é venderlla a todas as Armadas do mundo que a queira, e para iso necesitamos un estaleiro máis moderno".

A primeira F-110 entregarase á Armada a principios de 2027.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade