Sánchez sostén que o PP se achega a Vox coa abstención na moción de censura
Sánchez sostén que o PP se achega a Vox coa abstención na moción de censura
O líder do PSOE sinala a diferenza na actitude de Casado ante a primeira moción de censura da ultradereita
Apoia a orde de detención de Putin pola "deportación ilegal" de menores ucraínos
Destaca que o Goberno logrou sacar adiante reformas como a das pensións sen perder a "paz social"
O capítulo inicial da comparecencia de Pedro Sánchez ante o comité federal do PSOE foi para apoiar a orde de arresto contra Putin emitida polo Tribunal Penal Internacional. Despois referiuse á moción de censura, co candidato Tamames, para remarcar que a actitude do PP é diferente nesta segunda moción de Vox en comparación coa primeira.
"O Partido Popuar de Casado marcou unha distancia nidia coa ultradereita cun discurso moi duro contra Vox. Pero o PP de Feijóo, que fixo? Achegarse a Vox. No seu primeiro ano o que fixo foi asinar un acordo de goberno en Castela e León coa ultradereita e agora pasa do non á abstención".
Para Sánchez, o único programa da dereita é pedir eleccións. Entende que están nerviosos, porque "hai un Goberno que non se inclina ante os poderosos". Dixo que o seu grande obxectivo foi restaurar o Estado de benestar e que o PSOE defende, con vistas ao próximo escenario electoral, o que pensa a maioría.
"Pensan que a sanidade ten que ser pública, gratuíta e universal. Pensan que a educación dos seus fillos debe preservar a igualdade de oportunidades e, en consecuencia, activar o ascensor social, non depender da conta corrente da familia. Pensan que as pensións teñen que ser dignas, como tamén o traballo e a súa remuneración".