Publicador de contidos
Publicador de contidos

Pelexas e intervencións policiais nas festas de San Martiño de Moaña

Pelexas e intervencións policiais nas festas de San Martiño de Moaña

A Policía Local tivo que atender denuncias por agresión e danos a coches

G24.gal 14/11/2022 12:59

Este luns é día de recollida logo das Festas de San Martiño en Moaña, que volveron con forza despois dos dous anos da pandemia. O tempo acompañou e o adro da igrexa buliu con milleiros de persoas que se achegaron a gozar dos furanchos tradicionais, das verbenas, dos concertos e das procesións.

Pero non todo foi tranquilidade, xa que a policía tivo que intervir por algunha pelexa e mesmo por unha agresión a un home que recriminaba a outro que discutía coa parella. Tamén abriron dilixencias contra un menor por danar varios vehículos na zona da festa.

O veraniño de San Martiño acompañou a festa e, malia que a tranquilidade imperou durante o día, a noite complicouse para as forzas da orde, que tiveron que intervir en varias ocasións por pelexas ou algaradas na zona do adro derivadas do exceso de alcol. 

Mesmo un home denunciou unha agresión ao defender unha muller que estaba a discutir coa súa parella. A policía tamén abriu actuacións contra un mozo de dezasete aos que supostamente danou varios coches na zona da festa.

"Sempre pode haber alguén que a pinta, pero isto normalmente é moi tranquilo, pero ben, sempre hai algún que se lle vai das mans", comenta un veciño.

Amais de varios controis de alcolemia, a Policía Local estuda denunciar ante a Subdelegación do Goberno aos furanchos abertos na carpa do adro por incumprimento do horario e servir copas pasadas as seis da mañá. 

Había ganas de retomar a festa de San Martiño, e a primeira edición despois da pandemia non defraudou.

"Este ano foi apoteósico, con diferencia con outros anos, coido que foi o que mais movemento houbo en canto a festas, mesmo mais que antes da pandemia. Este ano superou con creces outros anos".

"Xa o ano pasado estivo todo pechado porque aínda houbo pandemia, e non se puido desfrutar o San Martiño como se desfruta aquí sempre en Moaña. Entón este ano había moitas ganas, moita xuventude pero tamén moita xente maior, e pasámolo bastante ben, a verdade".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade